Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente do Náutico de Ribadeo expuxo os proxectos do club ao responsable de Portos de Galicia

Nota de prensa

MARIO COTO ABORDARÁ CO PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA AS PRINCIPAIS DEMANDAS DO PORTO DEPORTIVO E DO CLUB NÁUTICO DE RIBADEO. AMBOS PARTICIPARÁN ESTA TARDE NO IZADO DA BANDEIZA AZUL.

Ribadeo, 5 de xullo de 2011. O presidente do Club Náutico de Ribadeo, Mario Coto, abordará co presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, as principais demandas e proxectos do porto deportivo e do CNR. Ambos participarán ás 18 horas no izado da bandeira azul, que por segundo ano consecutivo recibiu o Club Náutico.

Para Mario Coto lograr un ano máis a bandeira azul “quere decir que estamos a facer as cousas ben e como había que facelas. Eu cheguei ao Club Náutico de Ribadeo a principios do 2009 e ese ano non tivemos a bandeira azul, eu estou convencido de que a bandeira azul non se da caprichosamente nin ás praias, nin aos portos deportivos, nin a outras entidades, senón que se da porque a xente de Adeac mira si se cumpren os requisitos ou non”.

O presidente do Club Náutico de Ribadeo lembrou que “no 2009 non tivemos a bandeira azul porque teño que recoñecer que naquel momento o Club Náutico de Ribadeo non merecía ese galardón, dado o que aprendín despois que había que facer para obter ese distintivo. Nós puxémonos a traballar e penso que nos esmeramos todo o posible tanto económica como persoalmente. No 2010 recuperamos a bandeira azul para o porto deportivo e neste 2011 voltamos a contar con ela”.

As Catedrais

Coto contou que “o outro día fun recoller a bandeira azul a Portosín e foi moi agradable porque por segundo ano consecutivo conseguímola de novo. Non me pareceu ben que do meu pobo non acudise a recoller ninguén a bandeira azul que recibiu a praia do Os Castros-Illas, había unha silla diante de min, pero alí non se presentou ninguén. Parece que hai algo de malestar ao non conseguir a bandeira azul para a praia das Catedrais. A min tamén me fastidia que ese areal non conte con ese recoñecemento, Ribadeo debería tela, pero o Concello e a quen lle toque levar ese tema teñen que facer o esforzo para recuperar esa bandeira azul e si a podemos ter en máis areais moito mellor”. O responsable do Club Náutico de Ribadeo considera que contar coa bandeira azul atrae a máis visitantes a Ribadeo e xenera turismo de calidade.

O presidente do CNR xa anunciou que “imos tentar para o vindeiro ano conseguir a bandeira azul para algunhas embarcacións do porto, queremos que sexan conscientes os socios do Club Náutico de Ribadeo e os donos de embarcacións de que podemos prolongar a nosa bandeira azul a eles. Imos traballar nesa liña ao longo dos vindeiros meses”.

Circuito comercial

Hoxe acudirá a Ribadeo a participar no acto de izado da bandeira azul do porto deportivo o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, e Mario Coto quere analizar con él diversas cuestións, “hai un proxecto moi demandado polo Club Náutico, por esta directiva e por este presidente, que é o peche da bocana do porto deportivo, porque hai un problema no porto coas mareas e coas turbulencias, temos que ter moito coidado cos barcos e trasladalos no inverno a outros pantaláns e queremos darlle unha solución a esta cuestión”.

O presidente do Club Náutico de Ribadeo explicou que “queremos chegar tamén a acordos con Portos para os casetos dos mariñeiros das lanchas de baixura, queremos ver sin poden contar con outras instalacións xunto á lonxa, que é onde deben estar, e ampliar a concesión ao Club Náutico nesa zona para facer un circuito de negocios no porto. Cando un vai a outros portos, por exemplo nas Rías Baixas, pode ver un montón de pequenos negocios arredor dos portos e dos náuticos. Dos 17 casetos os profesionais de baixura ocupan 6 ou 7 e o resto que os temos adxudicados somos persoas con lanchas de recreo, pero non somos profesionais do mar. Imos ver si o conseguimos, porque é un proxecto moi ambicioso para nós”.

Mario Coto subliñou que “despois temos unha necesidade imperiosa de amarres e temos que negociar con Portos a ubicación dalgún pantalán máis. Dentro do noso recinto do Club Náutico non temos máis espacio, pero temos moita demanda. A ver si negociamos unha zona intermedia entre o porto pesqueiro e o porto comercial, sen interrumpir e condicionar para nada a actividade do peirao, pero hai un punto morto que nos podería ir ben e Portos de Galicia recibiría unha compensación económica. E outro dos proxectos será un pequeno atraque de embarcacións de pequeno calado na Vilavella. As cousas hai que levalas polo seu camiño e os que mandan diranos cales son factibles e cales non, hai cousas que xa sabemos que nos van aceptar e outras veremos a ver”.

Exit mobile version