Site icon Crónica3.com A Mariña

O V Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base Burela FS, espello para Portugal

Nota de prensa

A ESCOLA BURELISTA, ESPELLO PARA PORTUGAL

Atraídos pola programación de actividades e por un cartel de luxo, tres membros da asociación portuguesa O Amanhã da Criança-Futsal, do Porto, déronlle o toque de internacionalidade ao V Campus Mixto Internacional de Fútbol Sala Base Burela FS a semana pasada na Mariña.

O adestrador André Martins, que xa puido participar en campus como o do Azkar Lugo FS noutras edicións, recalou na bisbarra xunto a dous seus alumnos, Bernardo Fernandes e Vasco Bandeira, de 14 anos, para ampliar os seus coñecementos e aprender novas técnicas coas que mellorar no ensino deste deporte. “A experiencia foi moi proveitosa, aprendemos moito tanto con técnicos coma con xogadores e xogadoras; tamén tiven a oportunidade de intercambiar ideas con Alfonso Mera con respecto á dinámica das escolas deportivas” dixo André Martins, que admitiu ter o noso fútbol sala como o espello no que poder mirarse: “Para min é moi importante este troco de información porque España está un paso por diante na formación de base. En Portugal estamos no camiño correcto, pero aínda nos queda moito por percorrer para estar á altura das escolas galegas e españolas; non temos a fortuna, como si ocorre en cambio en Burela, de ter a xogadores profesionais ensinando as categorías de base”.

Para o Burela FS e para o campus tamén resultou moi positiva a visita dos veciños portugueses, tal e como explicou Alfonso Mera, “no senso de que puidemos coñecer diferentes métodos de traballo, intercambiar opinións e incluso sentar as bases para unha relación de futuro entre as escolas. No que se refire aos nenos sempre é moi enriquecedor coñecer outras culturas e convivir, aínda que sexa por pouco tempo, con rapaces doutras nacionalidades, próximas ou non, para ampliar horizontes e vivencias”.

Exit mobile version