Site icon Crónica3.com A Mariña

O Valadouro expón fotografías do seu patrimonio inmaterial na mostra Palabra e Memoria

Nota de prensa

Nota de prensa

O VALADOURO EXPÓN FOTOGRAFÍAS DO SEU PATRIMONIO INMATERIAL

A mostra Palabra e Memoria estará aberta entre os días 24 de xullo e 6 de agosto na Casa da Cultura de Ferreira

A Asociación Fraga das Lerias ultima os preparativos da exposición fotográfica Palabra e Memoria, que estará aberta ao público entre os días 24 de xullo e 6 de agosto na Casa da Cultura de Ferreira.

A exposición recolle máis de 30 fotografías das igrexas das nove parroquias do Concello do Valadouro (Moucide, Budián, A Laxe, Ferreira, Santa Cruz, Recaré, Santo Tomé, O Cadramón e Vilacampa) así como das inscricións funerarias máis relevantes dos seus respectivos cemiterios. As fotografías están realizadas pola fotógrafa local María Mon Geada. Repartidas en 8 paneis, as fotos irán acompañadas de textos explicativos e de ilustracións realizadas para a ocasión polo artista plástico Xosé Blanco.

Esta iniciativa cultural da asociación Fraga das Lerias é un complemento divulgativo a unha extensa investigación de campo realizada por Alba García Pico (Ferreira; 1983). Esta moza orixinaria do Valadouro, licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, coñeceu o documental do mesmo título (Palabra e Memoria) realizado polo burelés Matías Nicieza sobre unha exposición fotográfica de Pepa Losada, e dispúxose a localizar, catalogar e estudar as máis relevantes inscricións funerarias dos cemiterios do termo municipal e, posteriormente, completou a súa documentación con entrevistas personalizadas a cada unha das vinte familias implicadas.
A exposición será inaugurada ás 8 da tarde do próximo día 24 de xullo e terá o seu acto central o día 30 coa celebración dunha mesa-redonda na que está previsto que interveñan representantes das familias e da asociación convocante así como das numerosas persoas implicadas na organización do evento.

EXPOSICIÓN
PALABRA E MEMORIA
De 24 de xullo a 6 de agosto de 2011
Casa da Cultura
Ferreira do Valadouro

PALABRA E MEMORIA
Palabra e Memoria é unha actuación veciñal destinada a localizar, catalogar e estudar en
profundidade o patrimonio inmaterial das nove parroquias do Concello do Valadouro. Con esta
manifestación de compromiso comunitario e altruísta, a asociación cultural Fraga das Lerias
pretende transmitir vitalidade ao noso idioma milenario.
Síntese da creatividade artística de María Mon Geada, coa colaboración de Xosé Blanco; do
esforzo investigador de Alba García Pico; e, moi especialmente, da inmensa paixón e cariño de
máis de vinte familias, Palabra e Memoria é Lingua Viva, vigoroso instrumento de recordo da
Historia feita polos que nos precederon e vínculo integrador para nacidos e achegados a esta terra.
ACTIVIDADES
• Domingo, día 24 de xullo:
• Ás 20:00 horas: INAUGURACIÓN
*Proxeccións audiovisuais (auditorio)
*Visita guiada por Alba García Pico
*Intervencións de: Edmundo Maseda, Xosé Blanco, representante da
Deputación, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística (aínda
sen confirmar), representante do Concello.
• Sábado, día 30 de xullo:
• ás 19:00 horas: Recordo ao músico Eladio Maseda (cemiterio de Moucide)
• ás 20:00 horas: Propósito de enmenda. Rectificar a historia. (Ofrenda floral
no cemiterio de Santa Cruz en lembranza das vítimas do “Crime do
Valadouro”. Intervencións de Luís García Rubal (concelleiro do Valadouro),
Miguel Vila Pernas (escritor; aínda sen confirmar) e Primitivo Iglesias
Sierra (alcalde da Pastoriza)
• ás 21:00 horas. Mesa-Redonda: Palabra e Memoria.
(No Auditorio da Casa da Cultura)

EXEMPLO DE COMPLEMENTOS DAS FOTOGRAFÍAS
Carme da Estivada
Carme López Rubal naceu na Estivada, parroquia de Sto. Tomé do Valadouro no ano
1925, a máis nova de tres irmáns nunha familia labrega. O seu pai Manuel, que era
ferreiro, morreu relativamente novo e a súa nai, Carme, acompañouna
discretamente na súa vida familiar, unha vez que casou para a casa con Arturo do
Xurucido. Tivo dúas fillas e dous fillos, Mª Carme, Isabel, Pepe e Toño. Na casa da
Estivada foron construindo a súa vida familiar con dificultades e moito traballo.
Aló polos primeiros anos 70 viñeron vivir á vila de Ferreira onde traballou como
axudante de cociñeira no colexio, no que o seu home era conserxe.
Todas as persoas que a coñeceron, coincidirán con total seguridade en que era unha
muller moi discreta e tolerante, e cunha persoalidade tan sensible e bondadosa que
resulta imposible que houbese alguén que non a quixese ben. Era moi fácil convivir
con ela.
Faleceu tan discretamente como viviu o 8 de xuño de 1998.
(Xentileza de Antonio Blanco López)

Exit mobile version