Site icon Crónica3.com A Mariña

O 16 e 17 de xullo celebrase a 49ª travesía da Ría de Foz e a 3ª travesía K4-C4 Foz

Nota de prensa:

PRESENTOUSE ESTA TARDE A 49ª TRAVESÍA DA RÍA DE FOZ E A III TRAVESÍA K4-C4 FOZ, QUE SE CELEBRARÁN O 16 E 17 DESTE MES

Antonio Veiga asistiu á presentación deste evento, que organiza o Club Kayak de Foz e é o terceiro máis antigo do estado

FOZ, 7 de xullo de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta tarde na Casa do Concello de Foz á presentación da 49ª Travesía Ría de Foz e da III Travesía en K4 e C4, que se celebrarán o sábado 16 e domingo 17 deste mes, respectivamente. Ao acto tamén asistiron, ademais de Antonio Veiga, o presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, e o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

Na súa intervención, Antonio Veiga declarou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos deportivos consolidados, aportan un valor engadido que é a afluencia de xente ao concello co gallo da súa celebración: moitas persoas se achegarán a Foz esa fin de semana para asistir ao evento”. Por outra parte, manifestou “parabéns á nova directiva do Club Kayak por ter dado continuidade co seu esforzo a este evento, que está a piques de cumprir medio século de vida”. Pola súa banda, Nacho Romillo manifestou o seu agradecemento ás institucións que colaboraron para a celebración da travesía.

Con esta edición, xa son 49 as que se levan celebrado desta travesía, o que a converte na segunda máis antiga de Galiza e a terceira máis antiga do estado, tralo descenso do Sella e o descenso do Miño, e polo tanto, é unha das citas máis importantes do calendario mariñao. Nesta ocasión, agárdase a asistencia de preto de 400 padexeiros. A Travesía en K4 e C4 celebra a súa terceira edición, e contará coa asistencia á súa vez de ao redor de 200 padexeiros, continuando así coa intención de consolidarse como outra cita ineludible no calendario deportivo. Estas dúas modalidades son as máis espectaculares do piragüismo, tanto pola velocidade que alcanzan as embarcacións como pola sincronización dos padexeiros.

O Club Kayak de Foz aporta coa súa actividade unha alternativa de deporte saudable e en contacto coa natureza para a xuventude da vila. Nos últimos anos, a agrupación tratou de relanzar esta actividade entre a xuventude, posto que é unha maneira máis de disfrutar do mar e a ría, aproveitando así a situación do concello, moi propicia para desenvolver este deporte.

Exit mobile version