Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Xunta e da Mancomunidade da Mariña trataron temas sobre promoción do turismo

Nota de prensa:
A XUNTA INVESTIRÁ NA CONFIGURACIÓN DE NOVOS PRODUTOS E NA FORMACIÓN EN CALIDADE TURÍSTICA DE CARA Á PROMOCIÓN DA COMARCA DA MARIÑA

A secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, e a delegada territorial en Lugo, Raquel Arias, presidiron hoxe en Foz a firma do convenio cos representantes da Mancomunidade de Municipios da Mariña
As representantes do Executivo galego mantiveron unha reunión cos alcaldes da comarca na que abordaron as actuacións dispostas no ámbito do desenvolvemento do turismo na zona

Foz, 13 de xullo de 2011.- A Xunta de Galicia investirá no desenvolvemento de actuacións concretas de promoción turística da comarca da Mariña que serán executadas directamente pola Mancomunidade de Municipios mariñá.

Así se contempla no convenio asinado hoxe en Foz entre ambas entidades, polo que a Secretaría Xeral para o Turismo comprométese a destinar 64.000 euros a accións de configuración de novos produtos, formación e mercadotecnia que deberá deseñar, coordinar e levar a cabo a propia Mancomunidade.

A sinatura do acordo estivo presidida pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, a delegada territorial, Raquel Arias, e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga.

Con posterioridade, as representantes do Goberno galego mantiveron unha xuntanza con alcaldes e representantes municipais da comarca, na que explicaron estas e outras actuacións dispostas pola Xunta no ámbito do desenvolvemento turístico.

O convenio asinado hoxe concede un amplo marxe de manobra aos propios concellos implicados, que son os que mellor coñecen as necesidades, prioridades e potencialidades turísticas da zona. Así, teñen a capacidade de establecer as iniciativas a desenvolver, aínda que atendendo a unha proposta xeral que incide en determinados aspectos.

Polo que respecta á configuración de novos produtos, deben centrarse no deseño, configuración e implantación dunha nova oferta turística baseada nas “rutas da artesanía da Mariña”, e avanzar no estudo e deseño doutro paquete sobre “mística e maxia na mariña”, elaborando ademais unha guía sobre o produto.

Un segundo aspecto que se recolle no convenio son as accións de mercadotecnia, orientadas neste caso á redefinición e adaptación de contidos da páxina web e ás actividades de promoción da Mariña como destino turístico.

Por último, o terceiro eido propón a formación en calidade turística dos axentes implicados no sector, para a mellora integral do tratamento e da imaxe que perciben os visitantes e turistas da Mariña.

Durante a xuntanza cos representantes municipais, a secretaria xeral para o Turismo e a delegada territorial explicaron algúns dos proxectos que a Xunta desenvolve no eido da dinamización turística e que toman como referencia o Plan de Competitividade Turística elaborado para a comarca da Mariña.

Ambas subliñaron que o acordo de hoxe da un paso máis no traballo de promoción turística que a Xunta de Galicia está a levar nesta área, considerada un destino turístico primordial dentro de Galicia. Carmen Pardo destacou que, ao abeiro do Plan de Competitividade “propóñense iniciativas que contribúan a incrementar a repercusión promocional e socioeconómica do turismo na zona, así como a súa desestacionalización”.

Segundo concretou Raquel Arias, o convenio asinado hoxe incide nesa liña de “crear produtos turísticos alternativos e atractivos, completando e mellorando a oferta existente”. Así mesmo, a delegada territorial lembrou que está en marcha o plan de sinalización dos puntos de interese turístico da Mariña, ao que a Xunta destina 240.000 euros.

Exit mobile version