Site icon Crónica3.com A Mariña

Rompeolas – 2

ROMPEOLAS-2

Por istas datas de xullo de1986, hai 25 anos, saía á rúa o Nº 2 do periódico “Rompeolas”, voceiro do Clube Náutico de Foz. Na primeira páxina, unha carta do presidente informaba aos socios que estaban a realizarse obras de melloras no local social, co fin de facelo mais acolledor e convertelo en lugar de encontro, de parladoiro, renovando o mobiliario, moi deteriorado, paredes cobertas de madeira, etc., co fin de lograr un espacio confortable no que levar a cabo distintas actividades de tipo cultural e social. Dábase conta de que se chegara ó entendemento co Clube Kayak polo que ambos ían a colaborar na promoción do piragüismo, superando todo malentendido que se tiña dado en etapa anterior. Así como da incorporación ó organigrama do Nautico do Grupo de Gaitas “Os Santiños”, e algunhas normas relativas á burocracia interna. Nesta mesma páxina unha foto amosaba a Manuel María, durante a charla que dera o pasado Día das Letras Galegas, adicado ao poeta Aquilino Iglesia Alvariño. Noutro apartado anunciábanse as actividades próximas: o día 20 de xullo, Competición de Bateles coa participación do Clubes de Remo de Celeiro, Burela, Ribadeo e Náutico de Foz.; o 21 inicio dun cursiño de Natación; o 25 III Regata Ría de Foz de Surf Vela, e o 26 Gran mexilonada. O día 3 de agosto XXIV Travesía de piraguas á Ría de Foz, organizada polo Kayak-Náutico; o 23 Gran sardiñada; o 24 III Regata Clube Náutico de Foz, de Surf Vela, e durante a primeira quincena de agosto tería lugar un cursiño desta especialidade. Para o mes de setembro convocábase un concurso de fotografía para socios, co tema xenérico de “O Mar”,cuxas bases se especificaban, dotado cuns premios de 5000; 3000 e 2000 pts. para o 1º,2º e 3º clasificado, respectivamente, así como unha placa para tódolos participantes.Figuraba asemesmo a relación nominal dos 19 socios que se deran de alta o último mes e que, polo tanto, a 30 de xuño de 1986 o Clube Nautico de Foz contaba con 414 socios..

Suso Fernández

Exit mobile version