Site icon Crónica3.com A Mariña

Xuntanza dos 41 alumnos que participan no V Campus Mixto Internacional Burela FS

Nota de prensa

O CAMPUS BURELISTA INMORTALIZA O PRESENTE E O FUTURO FUTBOLÍSTICO

O V Campus Mixto Internacional Burela FS inmortalizou esta tarde, na segunda xornada da cita, o presente e o futuro do fútbol sala a través da foto de familia. Nesta imaxe, os 41 alumnos/as estiveron acompañados/as polo seleccionador de Romanía, Sito Rivera; o adestrador do Reale Cartagena, Luis Fonseca; e os burelistas Lucía, Juanma e Edu; ademais doutros representantes do club laranxa, monitores e autoridades locais.

Tras xogos na praia e adestramentos matutinos, os/as participantes do quinto clínic mariñán foron recibidos polo alcalde de Burela, José María González Barcia, e a edila de Xuventude e Deporte, Beatriz Piñeiro, no consistorio. Na casa do concello, o alumnado tamén tivo a oportunidade de conversar e satisfacer a súa curiosidade e inquedanzas futbolísticas nunha charla-coloquio na que interveu o profesorado da xornada. Finalmente, o xogador do Autos Lobelle de Santiago FS Luis non puido visitar a comarca, como estaba previsto, por motivos persoais.

Mañá o alumnado volverá compartir as sesións con Sito Rivera e Luis Fonseca, ademais da visita da xogadora do UCAM Murcia Haydée Agras e do burelista Christian. Pola mañá alternarán os adestramentos e as actividades na piscina de San Cibrao e pola tarde os/as participantes do clínic poderán gozar de diferentes obradoiros e xogos, como o futbolín humano.

Exit mobile version