Site icon Crónica3.com A Mariña

14 veleiros de Lugo, Avilés e Xixón participaron na II Peregrinación Marítima pola Costa de Lugo

Nota de prensa

– A maiores, ducias de pequenas embarcacións quixeron sumarse ó evento turístico deportivo para reivindicar a mellora das instalacións portuarias, a Costa lucense e o recoñecemento oficial do Camiño do Mar
– Gómez Besteiro foi o encargado de dirixir o veleiro “Veranea en Lugo” que luciu a bandeira da Deputación e a vela de cor azul
– O Presidente avanzou que o vindeiro ano celebrarase a 3º Peregrinación para a que cómpre mellorar as instalacións portuarias co fin de convidar ós navíos de Cantabria, País Vasco e Francia que xa amosaron o seu interese

14 veleiros chegados dende Ribadeo, Viveiro, Foz, Avilés e Xixón participaron este sábado na  II Peregrinación Marítima de Cruceiros pola Costa de Lugo organizada por Deputación e Club Náutico de Foz. Xunto a eles, ducias de pequenas embarcacións se concentraron na Ría de Foz para presenciar o evento turístico-deportivo. Todos eles quixeron sumarse ás reivindicación da institución provincial, compartidas polo club focense, para mellorar as instalacións portuarias, impulsar ó exterior o mar lucense e recoñecer oficialmente o Camiño do Mar como ruta xacobea.

Deste xeito, alí estiveron os promotores desta iniciativa: o Presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, o do Club Náutico de Foz, Francisco Fernández Rego, así como o Deputado focense, José Ramón Val Alonso. Gómez Besteiro foi o encargado de levar o timón do veleiro focense “Veranea en Lugo”, que luciu a bandeira da Deputación e a vela de cor azul.

A regata comezou ás 17:00 horas, unha vez que as embarcacións chegaron ás inmediacións da praia da Rapadoira. Para elo, parte dos navíos, os procedentes da zona leste, partiron ás 10:30 horas dende o porto de Viveiro, pasando por San Cibrao, a praia de Arealonga e Punta Fazouro, ata chegar ó lugar de concentración na Ría de Foz. Os restantes navíos saíron ás 13:30 horas do porto de Ribadeo e transcorreron pola Illa Pancha para entrar finalmente no campo de regatas.

O evento turístico-deportivo remataba ás 19:30 horas, logo de 2 horas nas que as embarcacións transcorreron polo Golfo do Masma pasando polas boias sinaladas.  Finalmente, ás 20:30 horas, todos os participantes foron agasallados por diversos obsequios institucionais. Ademais, os primeiros tres clasificados recibiron trofeos conmemorativos da man de Gómez Besteiro e o Alcalde de Foz, Javier Castiñeira.

3º Peregrinación
Visto a boa acollida desta iniciativa, o titular provincial avanzou que o vindeiro ano a Deputación voltará a sumar esforzos co Club Náutico de Foz para celebrar unha nova edición. Neste senso, incidiu na necesidade de mellorar as instalacións portuarias co obxectivo de incrementar o número de participantes. A este respecto, o Presidente do Club Náutico fixo fincapé no feito de que este ano a participación estivo limita a 20 veleiros. Ambos os dous salientaron que a intención para a convocatoria de 2012 é convidar ós navíos de País Vasco, Cantabria e Francia a sumarse á 3º Peregrinación Marítima pola Costa de Lugo xa que estes xa amosaron o seu interese pola iniciativa este mesmo anos.

Exit mobile version