Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación tentará recuperar o servizo de noitebús na provincia de Lugo

Nota de prensa:
MARIO OUTEIRO ANUNCIOU QUE A ÁREA DE XUVENTUDE COMEZARÁ A TRABALLAR PARA RECUPERAR O SERVIZO DE NOITEBÚS NA PROVINCIA DE LUGO

Celebraranse reunións cos representantes de concellos e hostaleiros para iniciar unha colaboración que permita restablecer liñas suprimidas pola Xunta de Galiza

Mario Outeiro lembrou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno á figura de Anxel Casal, xa que no día de hoxe se cumpren 75 anos do seu asasinato

Lugo, 19 de agosto de 2011. O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, comezou hoxe a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo lembrando a figura de Anxel Casal, fundador propietario da Editorial Nós, con motivo do 75 aniversario do seu asasinato, e continuou dando conta dos asuntos que se trataron na Xunta. Explicou Mario Outeiro, “este recordo a Casal quere ser un recoñecemento desta entidade a todas as vítimas da represión franquista nun ano no que se conmemora o 75 aniversario do alzamento fascista”. Continuou dicindo que “é unha condena ao que significou o réxime franquista, e particularmente un chamado para garantir e defender un modelo político que sexa merecente da consideración de democrático, nun momento no que vemos como a vontade popular se está a ver negada por iso que dan en chamar os mercados”.

Seguidamente, o delegado de Cultura e Turismo deu conta dos acordos da Xunta de Goberno: anunciou que a Deputación comezará a traballar para restablecer a as liñas de transporte nocturno para a xente moza: o denominado Noitebús. Este servizo foi drasticamente reducido na provincia de Lugo por parte da Xunta de Galiza, nunha decisión política que, como explicou o delegado, “non ten xustificación e que mesmamente nos parece dunha absoluta irresponsabilidade, xa que significa de aumento do risco para a xente moza”. Neste senso, anunciou que “desde esta institución, comprometémonos a reunirnos cos concellos afectados por estes recortes, así como cos colectivos de hostaleiros, para volver a poñer en marcha un servizo que se manifestou efectivo mentres funcionou, e que a día de hoxe exclúe á grande maioría do territorio de Lugo”.

Actualmente, só hai catro liñas en funcionamento en Lugo: unha que funciona durante todo o ano (Lugo-Rábade-Muimenta), e tres de carácter temporal (A Fonsagrada-Cadavo-Meira-Muimenta), (Taboada-Portomarín-Guntín-Lugo), (Chantada-Taboada-Monterroso-Chantada), ficando excluídas deste servizo comarcas enteiras de Lugo, como a Mariña, Monforte e a Ribeira Sacra. Mario Outeiro explicou que “é preocupante que se discrimine deste servizo a concellos en función do número de poboación, cando é precisamente nos concellos con menos poboación onde este servizo é máis necesario”. A Deputación de Lugo aposta, polo tanto, por poñer de novo en marcha este servizo naqueles territorios onde existía demanda e foi suprimido. Como explicou Outeiro, a aposta responde a varias motivacións: en primeiro lugar “pensamos que este servizo permite conciliar o dereito ao ocio nocturno coa seguridade do mesmo, téndose demostrado que a súa posta en marcha significou unha diminución clara dos accidentes automobilísticos durante a noite”. Por outra banda, o delegado comentou que “non queremos criminalizar as alternativas de ocio da mocidade, e aínda máis, entendemos este como un xeito de socialización e algo que os poderes públicos debemos de promover”. E por último, o delegado manifestou que non debe permitirse que o lugar de residencia sexa un elemento de desigualdade entre as persoas, “e a planificación e a definición dos servizos non se poden facer atendendo como fai a Xunta a criterios de beneficio económico”.

Exit mobile version