Site icon Crónica3.com A Mariña

Celeiro de Mariñaos celebra esta fin de semana o San Caetano, dous días de música folk e gastronomía

Nota de prensa

A MÚSICA FOLK E AS TORTILLAS ENCHERÁN ESTA FIN DE SEMANA DE FESTA O SAN CAETANO

O programa do primeiro día, pensado para a xente máis nova, arrinca o sábado cunha cea anticrise e coa actuación dos grupos ‘Tumba e Dalle’, ‘Habelas Hainas’ e ‘Os Cuchufellos’.

O domingo será o día máis familiar, no que terá lugar a XVI edición do Concurso de Tortillas, que premiará a máis grande, a mellor presentada, a máis innovadora e a de mellor sabor

Celeiro de Mariñaos, 11 de agosto.

Volve a festa. Un ano máis a parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos celebra esta fin de semana o San Caetano. Serán dous días de música folk e gastronomía nunha das citas de referencia do verán na comarca. No San Caetano deste ano non faltará, como vén sendo habitual, a música galega, o concurso de tortillas, os xogos para os máis pequenos e a verbena ata ben entrada a noite.

O primeiro día, o sábado, está pensado para a xente moza e o programa inclúe unha cea anticrise a prezos populares e un festival de música folk con tres actuacións de grupos galegos. Abrirá a noite ‘Tumba e Dalle’ unha formación que aglutina a músicos da comarca procedentes de lugares como Barreiros, Rinlo ou Lourenzá. A continuación tomará o relevo ‘Habelas Hainas’, un grupo feminino de música tradicional procedente de Santiago. Pecharán a noite ‘Os Cuchufellos’, unha das formacións máis destadadas do panorama galego, procedente de Manzaneda, que será o prato forte da noite e coa que a festa está garantida.

O domingo virá o turno da romaría e será o día máis familiar. O espazo entorno á capela de San Caetano será tomado polas merendas e as tortillas, as verdadeiras protagonistas do segundo día da festa, que tamén inclúe xogos para nenos e maiores, contacontos, música tradicional e pola noite verbena.

A festa está organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano. A edición deste ano conta ademais coa colaboración de distintas institucións e varias firmas comerciais.
UNHA FESTA PARTICIPATIVA

O San Caetano estase a consolidar como nunha das citas máis festeira e innovadora do verán na comarca da Mariña. Destaca ademais polo seu carácter participativo, onde se implica todo o pobo. Como se facía de maneira tradicional dende primeira hora da mañá grupos de familias e amigos comezarán a ir colocando o domingo as súas merendas no entorno da capela de San Caetano, que data do século XVII. Alí non faltará a misa e a sesión vermú antes de que se reparta de balde entre os asistentes á festa a tortilla xigante de máis dun metro de diámetro e 10 centímetros de grosor elaborada polos veciños e para a que son necesarios 35 kilos de pataca, 14 ducias de ovos, 5 kilos de cebolas, 5 quilos de pimentos, touciño e chourizo.

Antes de xantar, e aproveitando a presenza das merendas, terá lugar a XVI edición do Concurso de Tortillas. Este ano haberá premios á de mellor sabor, á máis innovadora, á mellor presentada e á mais grande. Tamén será premiada a merenda máis numerosa.

Pola tarde actuará a agrupación ‘Terra Brava’ do Incio, haberá xogos tradicionais para menos e maiores e un espectáculo de circo e malabares a cargo de Pista Catro Novo Circo para os máis pequechos. Pola noite a música poñerana neste segundo día de festa a orquestra ‘Blanca Doble’ e a discoteca móbil ‘Supernova’. O San Caetano 2011 pecharáse co xa tradicional baile do farolillo e unha grande chocolatada fin de festa.
EN PROXECTO A RECUPERACIÓN DO ENTORNO DA CAPELA

A Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano, que organiza a festa, naceu fai catro anos co obxectivo de servir de unión entre os veciños para realizar de maneira conxunta proxectos para o pobo. Dende entón, a asociación impulsou xa diversos proxectos, como a recuperación da capela, que contou cun orzamento de 11.000 euros para o seu revestimento e eliminación de humidades e 30.000 euros máis que foron destinados á recuperación do retábulo orixinal da capela, do século XVII e de estilo barroco, que se atopaba moi deteriorado. Tamén foi acondicionado o campo da festa, de 4.500 metros cadrados.

Neste momento a Irmandade San Caetano pretende recuperar o entorno da capela con capa vexetal e mediante a colocación de iluminación ornamental ao monumento, beirarúas de pedra, bancos, e peche perimetral de madeira. O proxecto está xa elaborado e terá un custo de 28.000 euros. A asociación está en busca do financiamento necesario mediante contactos con distintas institucións públicas.

Pero a Irmandade San Caetano ten ademais carácter de asociación veciñal e cultural e realiza outras actividades durante todo o ano na parroquia de Celeiro de Mariñaos. A programación inclúe a celebración do magosto, o entroido ou as Letras Galegas, así como exposicións, obras de teatro ou outras actividades. Este mesmo ano foron rehabilitadas as vellas escolas de Celeiro de Mariñaos para convertelas nun moderno centro sociocultural. Esta actuación contou cun investimento de 50.000 euros.

Exit mobile version