Site icon Crónica3.com A Mariña

As persoas participantes no xantar da irmandade da Maruxaina poden reservar mesas cunha fianza de 30 euros

NOTA DE PRENSA

Avanzan os preparativos da festa da Maruxaina, que terá lugar o sábado 13 de agosto, cita declarada de interese turístico galego

Os participantes no tradicional xantar da irmandade da Maruxaina xa poden reservar as súas mesas

* Para facer as súas reservas de cabaletes e taboleiros deberán acudir á Casa da Cultura de San Ciprián antes da data límite: o vindeiro xoves día 11.

* Milleiros de persoas vestidos de maruxainos comparten un xantar de confraternidade na praia do Torno que, polo seu éxito, esténdese tamén a outros areais e puntos da localidade.

San Ciprián 02 de agosto de 2011.- Os participantes no tradicional xantar da irmandade da Maruxaina que cada ano ten lugar na praia do Torno, co gallo da celebración desta cita de interese turístico galego, xa poden reservar as súas mesas. Como noutras ocasións será o Concello de Cervo quen, en colaboración coa Comisión de Festas, organice a entrega e recollida dos taboleiros. Aquelas persoas que así o desexen poden reservar a súa mesa na Casa da Cultura de San Ciprián, e poderán facelo desde hoxe mesmo e ata que chegue a data límite: o vindeiro xoves 11 de agosto. As oficinas municipais en San Ciprián teñen un amplo horario de atención ao público tanto pola mañá como pola tarde.

FIANZA CON DEVOLUCIÓN

Non será ata o propio sábado 13 de agosto, día da Maruxaina, cando se efectúe a entrega dos taboleiros a aqueles que teñan cumprimentada a súa reserva previa. A intención é centralizar o punto de entrega e recollida das mesas desde os almacéns municipais sitos nas inmediacións do bar da praia, baixo o paseo marítimo do Torno. A organización disporá duns 50 taboleiros, cos seus cabaletes correspondentes, que recibirán en préstamo a cambio dunha fianza de 30 euros, que se devolverá posteriormente, o luns 15 na Casa da Cultura, unha vez verificada a entrega en bo estado das mesas. O tradicional xantar da irmandade da Maruxaina está a acadar tal éxito que non só ten lugar na praia do Torno, esténdese tamén a outros areais e puntos da localidade.

COLABORACIÓN CIDADÁ

Por outra banda, a organización agradece a colaboración de todos os participantes neste típico evento festivo e pídelles que axuden a incrementar a vistosidade do mesmo cumprindo unha serie de recomendacións. Neste caso concreto, prégalles que empreguen toldos de cores claras, e non lonas ou plásticos de cor negra, para protexer a súas mesas do sol. Os organizadores entenden que esta disposición ofrece menor impacto e mellora o aspecto xeral do xantar da irmandade.

Exit mobile version