CERVO TIVO A OPORTUNIDADE DE AXILIZAR OS TRÁMITES PARA O DESBROCE DAS ESTRADAS PERO REXEITOU A OFERTA DA DEPUTACIÓN
-O organismo provincial puxo en marcha un convenio grazas ó cal os Concellos logran a xestión destas actuacións e a Deputación asume os gastos, Cervo foi o único da Mariña que non quixo firmalo
-Lara Méndez subliñou que “precisamente en materia de medio ambiente, o equipo de goberno só pode presumir de deixadez e inoperancia. Só hai que ver o Paseo Botánico, onde a vexetación chega a cubrir os bancos”
-A socialista engadiu que “ó mellor era máis necesario aumentar o persoal para o mantemento destas áreas que a contratación de 20 socorristas”
CERVO, 29 DE AGOSTO. A voceira do Grupo Municipal Socialista, Lara Méndez, en resposta ás acusacións do equipo de goberno polo retraso na limpeza de estradas de competencia provincial, asegura que “dende a Deputación de Lugo sempre asumimos o traballo e tratamos de lévalo adiante canto antes. Pero hai que ter en conta que debemos cumprir un proceso que leva tempo e retrasa, en contra da nosa vontade, a execución dos traballos”.
Lara Méndez subliñou que “para axilizar precisamente este proceso a Deputación de Lugo puxo a disposición de tódolos Concellos da provincia un convenio grazas ó cal cada municipio xestiona de primeira man estas actuacións e o organismo provincial asume as súas competencias encargándose dos costes. A medida foi moi ben acollida pola maioría dos Concellos da provincia, dos 67 municipios só 11 rexeitaron esta opción e o Concello de Cervo foi o único de toda a Mariña que non se quixo subscribir ó convenio. O equipo de goberno tivo a oportunidade de axilizar este proceso pero a xestión propia de competencias supón máis esforzo. Así se demostra quen ten ganas de traballar e quen non, quen se preocupa realmente polos seus veciños”.
A socialista destacou ademais que “está moi ben esixir os deberes na casa allea pero hai que empezar pola propia. E precisamente en materia de medio ambiente, o equipo de goberno só pode presumir de deixadez e inoperancia. Somos un concello que temos moito que ofertar en canto ó turismo e está todo abandonado. Só hai que ver como se encontra o entorno do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, o Paseo dos Namorados ou o Paseo Botánico, onde a vexetación chega a cubrir os bancos”.
Neste senso, Lara Méndez engadiu que “cando falábamos hai poucos días de exceso de persoal e de sentido común á hora de reforzar uns ou outros servizos, estábamonos a referir precisamente a isto. Ó mellor era máis necesario aumentar o persoal para o mantemento destas áreas que a contratación de 20 socorristas”.