Site icon Crónica3.com A Mariña

Cincuenta artesáns participan no mercado da Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica de Foz

Nota de prensa:
CINCUENTA ARTESÁNS PARTICIPARÁN NO MERCADO MEDIEVAL QUE ACOLLERÁ A I FESTA NORMANDA DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA.

Foz, 23 de agosto de 2011. Foz retrocederá no tempo os días 26 e 27 de agosto coa celebración da I Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica, que organizan a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, o Concello de Foz e a Deputación de Lugo. Os asistentes a esta cita irán ataviados coas vestimentas da época que aínda se poden alugar ou mercar no comercio focense e disfrutarán de infinidade de actividades ao longo de dous días como xogos normandos, actuacións musicais, bodas vikingas, obradoiros de música e de armas e o desembarco normando previsto para o sábado ás 13 horas. Desde a directiva de ACIA Foz lembran que “seguen á venta as monedas conmemorativas deste día ao prezo de cinco euros. O recaudado será un donativo para a organización da festa, polo que agradecemos toda colaboración posible”.

A I Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica arrincará o vindeiro venres ás 20 horas no Bispo Santo co pregón que pronunciará o cronista oficial de Foz, Suso Fernández, e a continuación terá lugar unha escenificación teatral da lenda de San Gonzalo, que estará dirixida por Paco Piñeiro. O presidente a Asociación de Comerciantes, José Carlos Paleo, convida “a asistir a este inicio da I Festa Normanda que teremos no Bispo Santo, trátase dunha cita coa nosa historia que ninguén se debería perder. Agardamos que sexan moitos os que se acheguen a escoitar a Suso Fernández e a disfrutar da posta en escea da lenda de San Gonzalo. Despois a festa seguirá na propia vila con animación musical polas rúas”.

Durante os dous días que durará a I Festa Normanda a explanada do Portochico será escenario dun mercado medieval no que se darán cita uns 50 artesáns. O público poderá atopar artículos feitos en coiro, cerámica, bisutería e xoias, doces, etc.

Foz vivirá unha auténtica fin de semana de festa o 26 e o 27 de agosto xa que 28 bares, mesóns e restaurantes participan na festa do polbo. As racións serviránse ao prezo de 9,90 euros. Desde ACIA Foz sinalan que “queremos despedir ao grande este verán de 2011 en Foz e a mellor forma de facelo é botándose á rúa para disfrutar desta festa histórica e tamén da nosa gastronomía. Desexamos que todo o mundo o pase fenomenal e que o tempo se poña do noso lado”.

Exit mobile version