Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan en Cervo competicións deportivas nas noites de verán

Nota de prensa:
Hoxe da comezo no núcleo de Cervo este plan de ocio alternativo baseado nas competicións deportivas nas noites de verán

MÁIS DE 300 PERSOAS PARTICIPARON NAS DIFERENTES COMPETICIÓNS DAS NOITES ALTERNATIVAS ORGANIZADAS POLO CONCELLO NA VILA DE SAN CIPRIÁN

Cervo, 17 de agosto de 2011.- Un total de 316 persoas de ámbolos dous sexos e de tódalas idades participaron dende o pasado día 19 de xuño en San Ciprián nas diferentes competicións deportivas organizadas pola concellería de Deportes do Concello de Cervo baixo o nome de “Noites Alternativas”.

Atendendo ao número de participantes, a modalidade de fútbol sala 3×3 foi a que maior número de equipos congregou con 30 formacións participantes e un total de 114 xogadores (33 sub-12, 7 sub-15, 30 sub-17 e 44 seniors). A continuación seguiulle o fútbol-praia con 91 participantes (12 sub-12, 7 sub-15, 38 sub-17 e 34 senior) e 14 equipos. Na competición de baloncesto 3×3 participaron 23 equipos e 86 xogadores (28 de categoría sub-12, 15 sub-15 e 43 seniors). Por último, no volei-praia participaron 9 equipos e 26 xogadores (14 participantes sub-17 e 12 seniors).

Hoxe comezan en Cervo

Unha vez rematadas as competicións na vila de San Ciprián, estas trasládanse á capitalidade municipal. Hoxe e mañá celebraranse as competicións de baloncesto 3×3, mentres que os días 23, 24 e 25 de agosto desenvolverase as de fútbol sala 3×3. Ao igual que aconteceu en San Ciprián, as NOITES ALTERNATIVAS de Cervo desenvolveranse de 22.00 a 01.30 horas e terán lugar na área deportiva do parque Isaac Díaz Pardo – Luís Seoane de Cervo. A participación é gratuíta, polo que non terán que asumir ningún custe os participantes. Ademais, o mecanismo de inscrición é moi flexible pois poderá facerse antes do comezo de cada actividade.

Éxito de participación e de instalacións

O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, valorou moi positivamente a gran afluencia de participación nesta actividade lúdico-deportiva desenvolvida en San Ciprián e desexou unha resposta semellante en Cervo. “A gran cantidade de participantes e tamén de espectadores que presenciaron as distintas competicións anímanos a cualificar estas Noites Alternativas de San Ciprián como de rotundo éxito. As inmellorables instalacións da nova Praza dos Campos motivou en boa medida que a xente se animase a participar neste completo programa de actividades variadas, relacionadas co deporte, como proposta alternativa de ocio nesta época estival. Agora -continuou Soto- esperamos que esta resposta de participantes sexa semellante en Cervo” indicou o edil cervense.

Exit mobile version