Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Náutico de Foz presentaron a II Peregrinación Marítima de Cruceiros pola Costa de Lugo

Nota de prensa

A Deputación reivindica a mellora das instalacións portuarias,  o mar lucense e o Camiño da Costa coa II Peregrinación Marítima

– Deputación e Club Náutico de Foz reeditan o evento que acollerá a Mariña este sábado e reclaman á Xunta o proxecto comprometido para o porto focense tras 12 anos parado
– As características de ditas instalacións obrigan a que as prazas da Peregrinación Marítima sexan limitadas, quedando as últimas no 982-133-609 e en nauticofoz@gmail.com.
– Besteiro avoga polo desenvolvemento dos portos para impulsar o turismo náutico que na costa Bretaña francesa xera un volume de negocio ó ano de 700 millóns de euros
-O Presidente avanza que, como mostra do compromiso coa declaración oficial de dita ruta de peregrinación, a institución presentará en setembro o libro guía do Camiño do Mar

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o focense José Ramón Val Alonso, e o Presidente do Club Náutico de Foz, Francisco Fernández Rego, presentou este xoves a II Peregrinación Marítima de Cruceiros pola Costa de Lugo. É o evento turístico-deportivo que acollerá a Mariña o vindeiro sábado, 20 de agosto, co que a institución, coa colaboración de dito club mariñano, segue a xerar riqueza na provincia combinando, unha vez máis, medioambiente e deporte, ó tempo que reivindica a mellora das instalacións portuarias, o mar lucense e o Camiño da Costa.

Gómez Besteiro fixo fincapé nas oportunidades económicas do turismo náutico para a provincia tendo en conta que á carón da costa lucense, concretamente pola Estaca de Bares, transcorre todo o tráfico marítimo de Europa. O Presidente puxo de exemplo a costa Bretaña francesa onde este sector deixa ó ano 700 millóns de euros e dá traballo a 7.500 persoas. Neste senso, subliñou que a oferta de programacións náuticas e as decenas de miles de amarres desta zona contribúen ó seu auxe. Nembargantes, “en Lugo, malia o esforzo da Deputación e dos clubes con iniciativas coma esta Peregrinación, o número de amarres cóntase por centos, bloqueando o impulso deste sector”. Besteiro destacou que mentres os portos deportivos de Viveiro e Ribadeo están cubertos, habendo centos de embarcacións en espera dun amarre, os de Burela, Foz e San Cibrao son de pequenas dimensións, facendo imposible a entrada de grandes veleiros. Isto supón ademais, que “a participación na Peregrinación Marítima sexa limitada”.

Tendo en conta o anterior, o titular provincial reclamou á Xunta, administración responsable, “a mellora das instalación portuarias e a cumprir coa palabra dada, executando o proxecto comprometido no porto de Foz”. Besteiro lembrou ademais, que “esta iniciativa leva máis de 12 anos parada malia ser unha das promesas electorais do PP durante a pasada campaña electoral”. Tanto Val Alonso como Fernández Rego compartiron estas reivindicacións.

Ocio e economía
A Deputación quere coa Peregrinación Marítima reivindicar que Lugo ten mar e seguir xerando riqueza mediante a posta en valor dos máis de 100 quilómetros de costa lucense. Deste xeito, con esta iniciativa a institución volta a combinar medioambiente e deporte co fin de impulsar o turismo, neste caso, o náutico. “A Deputación é a única administración que se volca coas actividades de ocio que xeran emprego tanto no verán como no inverno. Exemplo delo, a celebración do Surf-Camp. Temos que poñer en marcha iniciativas para que a época estival vaia máis alá do San Bartolo”, dixo Besteiro.

Libro guía do Camiño da Costa
A reedición desta iniciativa enmárcase ademais, dentro da aposta do organismo provincial por lograr a declaración oficial deste Camiño como ruta xacobea. Acadar este recoñecemento é, tal e como anunciou o Presidente o pasado mes de xuño durante a toma de posesión do seu cargo, 1 dos 10 compromisos do actual Goberno provincial para este mandato. Como mostra deste firme acordo, no 1º Pleno da actual Corporación aprobouse por unanimidade a proposta de Gómez Besteiro de instar á Xunta, administración responsable, a identificar como ruta xacobea o Camiño da Costa, así como o de Inverno.

Neste senso, o Presidente anunciou unha iniciativa máis da institución provincial en impulso desta ruta de peregrinación: “a presentación, o vindeiro mes de setembro, do libro guía do Camiño do Mar”. É a publicación que recolle o traballo de investigación e recompilación documental do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pazos, un traballo no que queda constatada a existencia desta alternativa xacobea que discorre polo Concellos costeiros de Lugo. O mencionado autor baseouse precisamente na proposta enviada, xa o ano pasado, á Consellería de Cultura para o recoñecemento oficial desta variante.

Este libro complementa ademais, ó editado tamén pola Deputación baixo o título Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo, a 1º publicación que inclúe información detallada sobre os Camiños que atravesan a provincia: Francés, Primitivo, de Inverno e da Costa. O impulso e a promoción ó exterior de todas as rutas de peregrinación lucenses que está a levar a cabo a Deputación data xa do mes de setembro de 2009, cando a institución se converteu na 1º administración cunha programación previa e estable ó Xacobeo logo da posta en marcha de Km0 a Compostela. Dende entón, centos de persoas chegadas de todo o mundo, así como autoridades e personalidades recoñecidas da vida social en España sumaron esforzos coa institución, participando neste iniciativa e facendo o Camiño ó seu paso por Lugo.

Participación aberta e gratuíta pero limitada
Ata o momento, 14 veleiros procedentes dos portos de Avilés, por primeira vez de Gijón, ademais de Ribadeo, Viveiro e Foz xa formularon a súa solicitude para participar na Peregrinación Marítima. A previsión é cubrir a cota de prazas limitada ata 20 precisamente, debido ás características do porto de Foz. Neste senso, o Presidente do Club Náutico quixo reiterar “a necesidade de mellorar as instalacións portuarias”. Fernández Rego fixo fincapé nas oportunidades de negocio da Peregrinación e no incremento no número de interesados, prevendo que, en próximas edicións, “lograremos atraer os veleiros de Pais Vasco e Francia. Insisto, para non vernos privados, é necesario o desenvolvemento dos portos”.

Os interesados en facerse cunha das últimas prazas na Peregrinación Marítima poden facelo de xeito gratuíto, poñéndose en contacto co Club Náutico de Foz no 982-133-609  ou ben enviando un correo electrónico a nauticofoz@gmail.com.

Desenvolvemento do evento
A II Peregrinación Marítima arrincará o sábado, 20 de agosto, coa saída das embarcacións dende os principais portos deportivos da provincia. Ás 10:30 horas partirán dende Viveiro os veleiros da zona leste e ás 13:30 horas dende Ribadeo os da zona este. No primeiro dos casos, deberán pasar entre ás 12:45 e ás 13:30 horas a carón da boia situada nos Farellones en San Cibrao, e entre ás 15:00 e ás 16:00 horas pola afincada fronte á praia de Arealonga e punta Fazouro. Pola súa banda, os navíos que saían de Ribadeo terán que transcorrer pola boia da Illa Pancha entre ás 14:00 e ás 15:00 horas.

O punto de encontro será ás 16:30 horas na Ría de Foz, á altura da praia da Rapadoira, onde haberá un campo de regatas. Será entón cando teña lugar a concentración de embarcacións que dará paso, ás 17:00 horas, ó comezo da regata. Esta rematará ás 19:30 horas coa entrada dos veleiros no porto de Foz. Finalmente, ás 20:30 horas no Cenima, todos os participantes serán agasallados por diversos obsequios institucionais. Ademais, os primeiros tres clasificados recibirán trofeos conmemorativos.

Exit mobile version