Site icon Crónica3.com A Mariña

Fomento poderá eliminar o carril de lentos ou mellorar a adherencia nun tramo da variante de Burela

Nota de prensa

FOMENTO PREVÉ ACTUAR CANTO ANTES NA VARIANTE DE BURELA. MAÑÁ PROCEDERÁ A LIMPAR O TREITO NO QUE SE ESTÁN A PRODUCIR NUMEROSOS ACCIDENTES CON PRODUTOS DESENGRAXANTES E AUGA A PRESIÓN. FERNÁNDEZ VALLE NON DESCARTA QUE SE SUPRIMA O CARRIL DE VEHÍCULOS LENTOS OU QUE SE MELLORE A ADHERENCIA DA BANDA DE RODADURA.

Burela, 31 de agosto de 2011. O concelleiro de Obras burelés, Manuel Fernández Valle, afirmou hoxe que “a actuación do Ministerio de Fomento, a través da Demarcación Provincial de Estradas do Estado en Lugo, para tratar de reducir o elevado número de accidentes que se producen na variante de Burela, á altura da ponte da estrada da Deputación a Rúa, levarase a cabo con certa rapidez”, logo de que onte mesmo, un día despois da reunión mantida en Lugo polo alcalde burelés e edil de Obras cos responsables de Fomento, técnicos do Ministerio analizaran na mesma variante, xunto con Fernández Valle, as posibles solucións a aplicar. Nesa reunión, o alcalde burelés, González Barcia, plantexou o problema e tamén pediu a aplicación de solucións. “Non é que se vaia a solucionar todo mañá mesmo, pero as cousas van por bo camiño”, manifestou o concelleiro de obras burelés.

Fernández Valle indicou que “unha das medidas que se vai aplicar mañá xoves durante a mañá é a de limpeza da vía con produtos desengraxantes e auga a presión por parte de operarios da Demarcación de Estradas do Estado en Lugo e coa colaboración do Concello de Burela. Ao longo do mes de setembro procederase á aplicación dunha nova superficie mais adherente na banda de rodadura do tramo indicado”. O edil de Obras engadiu que “outra das medidas en estudo sería similar á adoptada en Foz no alto de Mañente, ou en Xove no alto do Cruceiro, é dicir, suprimir en todo ou en parte o carril de vehículos lentos. Estas solucións poderían ser un remedio axeitado para minimizar ou reducir a cero o elevado número de sinistros que se levan producindo nos últimos meses, sete, entre xuño, xullo e agosto, segundo os datos aportados polo Grumir burelés”.

O concelleiro burelés manifestou que “o Concello está diposto a colaborar con Fomento no que sexa posible. Hai que recoñecer a rapidez coa que a Demarcación de Estradas do Estado en Lugo se está poñendo a traballar para tentar reducir o número de accidentes neste tramo da variante. Todo o que sexa apostar pola seguridade viaria e reducir a cero o número de sinistros contará coa axuda do Concello de Burela”.

Exit mobile version