Site icon Crónica3.com A Mariña

Normandus ad portas

NORMANDUS AD PORTAS

Foz está de estrea o vindeiro fin de semana, por vez primeira o pobo focego, as xentes da bisbarra e aqueles que nos visitan, gozarán do privilexio de vivir a escenificación daquel feito histórico –lendario, acontecido na Alta Idade Media, que “causou sensación, en todo o reino”- din as crónicas- pero que quedando marcado con rasgos indelebeis na memoria popular e na obra de historiadores, poetas e literatos, non se propalou a nivel popular nen sequera se aceptaron as suxerencias ó respecto nistes tempos nos que as efemérides baseadas en feitos de raigame cultural ou lendario espertan tanto interese.

A lenda é coñecida e refírese ó milagre que se atribúe a San Gonzalo, que alá polo S. IX afundiu unha armada normanda que se dispuña a asaltar o territorio no que os temibles vikingos ou normandos desbordaran as súas costas e como marea imparable, cabalgando as ondas nos seus veloces barcos, comezaron a saquear as indefensas ribeiras, sedentos de botín. O impacto foi impresionante e o temor era tanto que mesmo nas igrexas, implorábase: “ da furia dos normandos, líbranos Señor”..

Todas estes feitos, propios de tempos tan afastados, van ter fiel reflexo no espectáculo a presenciar os días 26 e 27 en Foz, no que será un derroche de imaxinación e enxeño con transformación de espacios, breve escenificación de distintos episodios, música autóctona, sinais de alarma que porán en alerta a toda a bisbarra e de centos de veciños ataviados con vestimentas da época nun intento de consolidar o que pode converterse no grande espectáculo da lembranza normanda do norte de Galicia. Temos a materia prima que é a propia lenda que, dende tempos inmemoriais, circula polo arquivo da Humanidade e por obras literarias da intelectualidade..Sexamos quen de poñela en valor.

Suso Fernández

Exit mobile version