Nota de prensa
Veiga denuncia que PSOE e PP liquidan o Estado de Benestar coa institucionalización do teito de gasto.
O BNG chama aos mariñaos a manifestarse contra a reforma constitucional express
O Bloque Nacionalista Galego convoca para o vindeiro mércores 31 de Agosto ás 20:00 h unha mobilización diante da sede da Delegación de Facenda de Foz para expresar o seu rexeitamento a proposta de populares e socialistas de tentar constitucionalizar o teito de gasto sen contar coa opinión da cidadanía.
Segundo explicou Veiga “ a proposta de populares e socialistas representa un autentico golpe de estado, tanto na forma como no fondo, na medida que modifica de xeito substancial o texto constitucional sen atender a vontade popular pero particularmente polo que significa de institucionalización dun modelo económico, o neoliberalismo, e xa que logo unha agresión sen precedentes ao precario estado de benestar”.
O Portavoz Comarcal do BNG, que convidou aos veciños da Mariña a sumarse á mobilización, indicou que “con esta proposta o Estado Español fica absolutamente desarmado para poñer en marcha medidas anticíclicas que sexan eficaces a hora de dar resposta a unha situación de crise económica. Se en 1992 o estado renunciou á política monetaria coas graves consecuencias que hoxe estamos a ver diante da crise da débeda, agora coa aprobación do teito de gasto renunciase á política fiscal, en definitiva á posibilidade de redistribuír a renda e de poñer en marcha incentivos que permitan crear emprego. Nos témolo claro, é hora de poñer a economía ao servizos das persoas e non as persoas ao servizo da economía”.
Veiga, que insistiu na necesidade de que a xente exprese a súa indignación diante dunha política ao servizo do grande capital, lembrou “ que coa proposta de teito de gasto que se está a facer e dado o nível de endebedamento do sector público como consecuencia dos rescates ao sector financeiro, non hai dúbida que a case totalidade dos Concellos de Galiza, tamén da Mariña, terán que deixar o ano que vén de prestar servizos básicos, a empezar pola axuda a domicilio”. Na mesma liña, o dirixente nacionalista, criticou “ a hipocrisía dos autores da proposta que cun acordo en 24 horas tentan liquidar un debate de 90 anos, se ben recoñecen as limitacións da proposta no sentido de vincular o nivel de déficit co crecemento da economía. A menor crecemento máis déficit ou o que é o mesmo, sen déficit non é posíbel o crecemento.”