Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros afirma O PP engana a veciñas e veciños en función dos seus intereses en cuestións coma o urbanismo ou a estrada Reme-Vilar

Nota de prensa

O BNG DI QUE É O PP O QUE TEN DOBRES DISCURSOS EN CALQUERA TEMA QUE LLE AFECTA A BARREIROS. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE O PP ENGANA ÁS VECINAS E AOS VECIÑOS EN FUNCIÓN DOS SEUS INTERESES EN CUESTIÓNS COMA O URBANISMO OU A ESTRADA REME-VILAR.

Barreiros, 2 de agosto de 2011. Desde o BNG de Barreiros saen ao paso das últimas declaracións do conselleiro, Agustín Hernández, en relación co urbanismo en Barreiros. Califican os nacionalistas “de auténtica desfachatez que este señor se adique a mentir e difamar ao BNG no tocante ao posicionamento mantido en relación co caos urbanístico deste concello. No BNG sempre o tivemos claro: repetimos ata a saciedade aquel xa manido lema de primeiro os servizos e despois os edificios. No BNG nunca vacilamos na postura a manter, defendendo os intereses xerais, os intereses de Barreiros, por riba de intereses particulares en detrimento dos públicos”.

Os nacionalistas insisten en afirmar que o conselleiro está mentindo, unha vez máis, en relación con este tema, “o BNG na Deputación tamén votou en contra deste convenio. Que non veñan enganando á xente e tomándonos por parvas e parvos. Sabemos que hai moito espabilado no Partido Popular, pero no BNG non imos permitir que nos traten de tontos. Na comisión de goberno da Deputación na que se votou o convenio, o representante nacionalista votou en contra. É máis, encargouse de aclarar (e así consta na acta) que o facía deste xeito por estar completamente en contra da sinatura do convenio de Barreiros”, relatan desde o BNG.

Os representantes do BNG din que “en todo caso, quen terá que aclarar cal é a súa postura con respecto a Barreiros é o Partido Popular, que pasou de asegurar que non había ningún problema urbanístico no concello e de argumentar unha persecución política ao alcalde (con foto de apoio de cargos do PP incluída), a recoñecer que a construcción en Barreiros era insostible e investir cartos públicos en legalizar urbanizacións ilegais, construídas sen servizos e en beneficio de promotores privados”.

Os nacionalistas engaden que “o Partido Popular sí que ten que preocuparse polo seu dobre discurso. E ningunha lección nos ten que dar ao BNG ese conselleiro que xa se caracteriza por vacilar abondosamente en todos os temas relacionados con Barreiros. Debería preocuparse máis de estar calado e, en todo caso, que explique o seu dobre discurso en relación, por exemplo, coa inversión da estrada Reme-Vilamar. Que explique onde van os 500.000 euros que se encargaron de anunciar el e máis Alfonso Fuente no verán do 2009 e que nunca máis deles se soubo. Eles sí que teñen doble discurso. Que se miren a si mesmos e que deixen de mentir intentando confundir á xente en relación co BNG”, conclúen.

Exit mobile version