Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide á Xunta que non estenda a contaminación e sanee o noso litoral

Nota de prensa:
O BNG PIDE AO GOBERNO GALEGO QUE DEIXE DE ESTENDER A CONTAMINACIÓN POLO PAÍS E FAGA OS SEUS DEBERES SANEANDO O NOSO LITORAL

Os nacionalistas cervenses rexeitan as intencións de Pesca de traer a Morás unha planta para depurar bivalvos contaminados e defenderán unha iniciativa neste sentido no pleno municipal de non retirarse o proxecto.

Estúa acusou a Pesca de actuar de costas ao sector cunha medida que non lles trae ningún beneficio.

Cervo, 5 de agosto de 2011. O BNG acusou á Consellería de Pesca de actuar pola vía dos feitos consumados e vir á Confraría de San Cibrao a explicar aos afectados unha medida que xa está tomada que non trae ningún beneficio para o sector pesqueiro nin acuícola. Xoán Antón Estúa, portavoz municipal nacionalista engadiu que as zonas B eC cuxa produción de bivalvos está afectada por microorganismos patóxenos está nesta situación pola falta de compromiso do goberno galego que durante anos obviou as súas obrigas no saneamento e depuración de augas residuais e agora Pesca pretende trasladar aquí os problemas doutros lugares. O nacionalista pediu ao alcalde de Cervo que se posicione sobre este asunto que preocupa ao sector pesqueiro agrupado na Confraría de San Cibrao, ao sector da acuicultura e pon en perigo un ecosistema limpo de contaminantes como é a ensenada de Morás.

O PP non remata o saneamento de San Cibrao, nin cumpriu a lexislación europea sobre saneamento das rías galegas e agora traslada aquí o seu marisco contaminado por coliformes.

Os nacionalistas cervenses acusaron ao Partido Popular de non cumprir as súas obrigas sobre saneamento e depuración de augas residuais nas rías galegas, “desperdiciando tempo e financiamento” que evitarían os graves problemas de contaminación mariña en zonas de alta produción marisqueira que agora a Consellaría de Pesca quere trasladar aquí. Na mesma liña, Estúa acusou ao goberno local cervenes de ficar calado e inactivo diante da parálise das obras de saneamento de San Cibrao, cuxo emisario está sen construír, “aquí non valen escusas sobre quen debe facer a obra, hai que rematala e acabar cos vertidos residuais que fixeron perder todas as bandeiras azuis do concello”.

A reinstalación de marisco contaminado doutras zonas non trae ningún beneficio para a comarca.

Os nacionalistas acusaron á Consellaría de Pesca de impoñer pola vía dos feitos consumados unha instalación que non vai traer ningún beneficio para o sector pesqueiro e acuícola, ao que non se consultou e coa decisión xa tomada e publicada no DOG, vir a dar unhas explicacións que non convenceron a ninguén. Estúa preguntouse cal é o papel do Parlamentario popular de Pesca e Tte. Alcalde de Cervo, José Manuel Balseiro que non parece ocupar o seu posto para defender os intereses da Mariña, nin sequera os dos seus veciños mais próximos.

O BNG rexeita as pretensións da Consellaría de Pesca e de non retirarse o proxecto defenderá esta postura no pleno municipal de Cervo

Estúa anunciou que o BNG prepara unha iniciativa que presentará, de non retirarse o proxecto, na que reclama deixar sen efecto a Orde de 28 de xullo de 2011 pola que se clasifica unha zona da ensenada de Morás para a depuración de bivalvos afectados por microorganismos patóxenos procedentes das Zonas B e C. Os nacionalistas consideran que non se pode consentir que na Mariña debamos pagar as consecuencias da ausencia de compromiso do goberno popular no saneamento das rías galegas, tampouco no propio concello de Cervo onde este proxecto non trae ningún beneficio, nin económico nin medioambiental.

Exit mobile version