Nota de prensa
MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AMBULANCIA ASISTENCIAL NA MARIÑA
Exposición de motivos:
O servizo de ambulancia 24 horas ao que agora o SERGAS pretende suprimir un turno, aínda que con base no Concello de Foz, opera ditectamente nos municipios de Foz, Valadouro e Barreiros que contan cunha poboación censada de mais de 15.000 habitantes aos que hai que engadir asistencias en casos excepcionais, nos concellos de Mondoñedo, Burela, Ribadeo ou Trabada ademais de visitantes e residentes non censados que son potenciais usuarios deste servizo sanitario público.
O mantemento e mellora dos servizos asistenciais sanitarios debe ser preocupación permanente nun momento no que os recortes nos servizos públicos semellan ser un fin en si mesmos, aínda tendo custes sobre a seguridade e a asistencia sanitaria das persoas como no caso dun servizo de ambulancia que actúa en situacións de emerxencia.
A perda do horario nocturno no servizo de ambulancia actual a partir de 10 de setembro obrigaría a derivar parte da súa carga de traballo á ambulancia medicalizada, a única da comarca, mermando operatividade e rapidez de resposta, nun servizo que se considera especializado para a atención sanitaria urxente en casos graves. Débese ter en conta ademais que esta unidade asistencial con base en Foz tamén realiza traslados intra – hospitalarios transportando pacientes a outros hospitais fora da comarca, polo que a sua disponibilidade non é permanente nin cubriría con efectividade os servizos que hoxe presta durente 24 horas a actual ambulancia asistencial.
A medida de suprimir o servizo nocturno da ambulancia asistencial con base en Foz e a súa substitución pola ambulancia medicalizada, ademais de provocar a perda de emprego directo non supón un aforro, nin ofrece garantías asistenciais xa que estes servizos non poden ser substitutorios, senón complementarios. Os servizos que ofrece a actual ambulancia medicalizada, con dotación de persoal, equipamento, funcións e custes moi superiores non é a solución acaída que podamos aceptar dende o BNG.
Polo exposto, presentanse os seguintes puntos de acordo
1.- O BNG insta ao pleno da Corporación a rexeitar a perda do servizo nocturno da ambulancia asistencial con sede en Foz
2.- O BNG insta ao pleno da corporación a solicitar do SERGAS o mantemento do servizo as 24 horas do día da ambulancia ambulancia asistencial que da cobertura preferente aos concellos de Foz, O Valadouro e Barreiros.
3.- Trasladar o acordo á Consellaría de Sanidade e aos Grupos Parlamentares con representación na Cámara Galega.