Site icon Crónica3.com A Mariña

O centro de día “A Concordia” e o concello de Ribadeo organizan rotas pola vila para maiores de 60 anos

Nota de prensa:
O CENTRO DE DÍA A CONCORDIA E O CONCELLO DE RIBADEO ORGANIZAN ROTAS POLA VILA PARA PERSOAS MAIORES DE 60 ANOS. A PRIMEIRA TERÁ LUGAR O 2 DE SETEMBRO A PARTIR DAS SEIS DA TARDE.

Ribadeo, 25 de agosto de 2011. O centro de día A Concordia e o Concello de Ribadeo organizan rotas pola vila para persoas maiores de 60 anos. O obxectivo é fomentar a súa actividade física e o factor relacional. O primeiro percorrido será o 2 de setembro a partires das 18 horas.

A edil nacionalista dixo que “este proxecto Andainas que leva a cabo o centro de día A Concordia en colaboración coa área de Saúde e Servizos Sociais do Concello consiste nunhas rotas cunha dificultade media baixa e cunha duración duns 45 minutos. Os participantes serán persoas de máis de 60 anos que irán debidamente atavidas con gorras e chalecos”.

González Piñeiroa contou que “o primeiro percorrido será o vindeiro 2 de setembro a partires das 18 horas. A saída será desde a praza de abastos para percorrer varias zonas da vila e incluso indo ao ascensor panorámico. Trátase de fomentar a actividade física das persoas e o factor relacional porque sabemos que é unha etapa da vida na que precisan motivarse un pouco e tamén falar. En función de cómo sexan os resultados desta rota vánse proxectar máis, unha por semana durante dous meses e preténdese facelas tamén extensivas ás parroquias de Ribadeo”.

A concelleira de Saúde e Servizos Sociais sinalou que “todos os que queiran participar que se acheguen á praza de abastos o 2 de setembro. Animo ás persoas e ás familias que coñezan a xente deste perfil a que as animen a participar porque será moi gratificante e vánse sentir ben”.

Teresa González Piñeiroa manifestou que “desde a área de Saúde e Servizos Sociais perseguimos o benestar físico e psíquico das nosas veciñas e vecinos. Os nosos maiores ocupan un lugar prioritario xa que son un dos sectores de poboación máis necesitados de atención e non só na etapa da súa vida na que son dependentes. Trátase de que teñan unha boa calidade de vida e se sigan sentindo útiles e necesarios; trátase de que sexan felices, compartan experiencias e nos transmitan saberes que elas e eles recolleron no seu percorrido vital. Por este motivo, elaboraremos, coordinaremos e colaboraremos en actividades que teñan como obxectivo o beneficio das nosas veciñas e vecinos”.

A concelleira de Servizos Sociais engadiu que “somos conscientes de que, sumando esforzos, a produtividade é maior. Se sempre é importante, máis na actual conxuntura económica. Agora máis que nunca cómpre a colaboración e coordinación de máis organismos, institucións e asociación. Por este motivo, colaboramos e apoaiamos o desenvolvemento desta actividade e agradecemos a Ana Fdez. Pérez (directora do Centro de día A Concordia), a Julia Pérez Loureiro (psicóloga do Centro) e a Raquel Vieites Rodríguez (traballadora social do Centro) a súa iniciativa de programar e levar a cabo este proxecto”.

Exit mobile version