Nota de prensa
O CONCELLO PREPAROU E ENVIOU AS ALEGACIÓNS AO TRAZADO PROPOSTO PARA O GASODUCTO. ALFONSO FUENTE TILDA DE DEMÁGOXICAS AS DECLARACIÓNS EFECTUADAS NAS ÚLTIMAS HORAS POLOS NACIONALISTAS.
Barreiros, 11 de agosto de 2011. O Concello xa preparou e enviou as alegacións ao trazado proposto para o gasoducto. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que “dito trazado non é o máis correcto” e tilda de demagóxicas as declaracións efectuadas nas últimas horas desde o BNG.
O rexedor decía esta mañá que “me sorprende como Antonio Veiga di que o alcalde tiña constancia deste proxecto desde o 12 de xullo e que non fixo nada. Eu lle diría ao señor Veiga, porque ás veces él esquece que é o vicepresidente da Deputación de Lugo, que a institución provincial desde o mesmo día tiña este proxecto á súa disposición e tampouco fixo nada ao respecto. É unha demagoxia importante saír dicindo que o alcalde non fixo nada cando él tamén era coñecedor deste proxecto e o tivo aí parado e a Deputación tamén terá que facer as alegacións que él mesmo está a demandar no Concello de Barreiros”.
Fuente Parga asegurou que “os veciños viñan preocupados ao Concello porque se lles decía que non ían percibir nada pola servidumbre permanente do gasoducto e eso é mentira. A empresa está obrigada por lei a pagar unha cantidade polas servidumbres permanentes de paso así como pola ocupación temporal durante a obra”.
O alcalde barreirense subliñou que “o Concello xa preparou e xa ten enviadas as alegacións a este gasoducto que versan sobre cinco vías: a afección en rede natura no propio proxecto en San Miguel de Reinante; a afección sobre as áreas denunciadas por actividades mineiras; a afección sobre os terreos afectados por viais de nova apertura no planeamento municipal, que tamén hai que telos en conta; logo hai unha cuarta vía que é o paso por un dos núcleos e unha quinta que é un razonamento que se fai desde o Concello á alternativa sen afeccións a construccións nin a solos urbáns e núcleos”. E engadiu que “a conclusión que se fai chegar desde o Concello ao Ministerio é que este trazado non é o máis correcto, sabemos que en moitos casos cumprirá coa lei ao ir por solos rústicos e non cortar núcleos, e nós o que propoñemos é que non discorra por dominio público. Non pode ir por dominio público, é moi fácil mal informar a uns veciños decíndolles que vaia polas carreteras, que vaia por dominio público e eso non pode ser así. Nós o que propoñemos é que vaia por zonas de afección de dominio público, porque son dúas cousas completamente distintas. Hai unha zona pola que discurre que é de afección de Feve, e cando se falaba desde o BNG de que vaia polo dominio público da autovía, eso non poder ser así, pero sí por zona de afección da autovía. Non é o mesmo o que foi a zona expropiada da autovía coa zona que afecta á autovía. Nós así llo facemos chegar a Gas Natural e ao Ministerio”.
Alfonso Fuente manifestou que “logo debatiremos todo o que teñamos que debatir no pleno que se convocará a vindeira semana”.