Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo en colaboración con Cerámicas de Sargadelos expón “Modelos de Ulm 1953-1968”

Nota de prensa

O Concello de Cervo, coa colaboración da empresa Cerámicas de Sargadelos presenta a exposición “Modelos de Ulm 1953-1968”, organizada polo Arquivo HfG (Museo Ulm), co apoio do IFA (Instituto de Relacións Internacionais Alemaña) e da Embaixada de Alemaña en España.

A exposición explica o chamado “modelo de Ulm”, unha proposta educativa, democrática e revolucionaria, que ensinou a integrar deseño no proceso de produción industrial, como parte dunha metodoloxía que inclúe a construción de produtividade e economía.

Durante a súa existencia entre 1953 e 1968, a Escola de Deseño de Ulm (Hochschule für Gestaltung / HfG Ulm), Alemaña, foi unha das máis importantes do seu tipo. Tratouse dunha institución dedicada ao ensino, a investigación e o desenvolvemento no campo do deseño. O carácter interdisciplinario do seu programa e os seus ilustres fundadores e profesores (Otl Aicher, Inge Aicher-Scholl, Max Bill, Max Bense, Hans Gugelot, Tomás Maldonado y Gui Bonsiepe) atraeron a numerosos estudantes estranxeiros. A Escola de Ulm contribuíu a definir o papel do deseño como o coñecemos hoxe en día e preparou aos profesionais para enfrontarse con flexibilidade ás esixencias da tecnoloxía e da industria.

A exposición “Modelos de Ulm 1953-1968” recala en Sargadelos tralo seu paso polo Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid, onde permaneceu do 11 de maio ao 24 de xullo cun gran éxito de crítica e público. A mostra será inaugurada polos responsables municipais o vindeiro xoves.

Exit mobile version