Site icon Crónica3.com A Mariña

O edil de Economía de Burela ve positivo o Plano Extraordinario de Obras da Deputación

CASAS MARTÍNEZ AFIRMA QUE O BIPARTITO BURELÉS ESTIVO A PIQUES DE PERDER UN MILLÓN DE EUROS DA DEPUTACIÓN. O CONCELLEIRO DE ECONOMÍA DI QUE A INSTITUCIÓN PROVINCIAL ADXUDICOU AS OBRAS DO PLANO EXTRAORDINARIO A PRINCIPIOS DO PASADO MES DE ABRIL, PERO QUE FOI O NOVO GOBERNO MUNICIPAL O QUE REMATOU OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS.

Burela, 17 de agosto de 2011. O concelleiro de Economía e Facenda burelés, o popular José Casas Martínez, afirmou hoxe que “o Concello burelés estivo a piques de perder un investimento dun millón de euros por parte da Deputación Provincial dentro do Plano Extraordinario de Obras do presente ano 2011, pola falla de traballo do bipartito burelés, especialmente do anterior alcalde, perda que de terse producido en ningún caso sería achacable á Deputación”.

Casas Martínez indicou que, “aínda que hai obras nese plan que nós nunca incluiríamos, o que sí é certo é que non se pode perder un investimento dun millón de euros, veña da administración que veña. Pero o bipartito local pecou de falla de axilidade, semellaba descoñecer os acordos que adoptaba a Deputación, e tivo que ser o novo goberno do PP quen rematara os trámties administrativos das obras para sacalas adiante, porque se podían perder os cartos de non facelo así”.

O concelleiro popular sinalou que “boa parte das obras foron adxudicadas pola Deputación no mes de abril, pero a realidade é que a contratación das mesmas fíxose a finais do mes de xuño, logo de que o PP chegara ao goberno municipal. Para nada culpamos á Deputación nesta cuestión, pero a realidade é tozuda e di o que di, que o bipartito burelés adoleceu do de sempre, de desidia e de falla de capacidade resolutiva”.

Casa Martínez tamén manifestou que “o PP, de ter que propoñer obras para incluir nese millón de euros, é totalmente seguro que non propoñería as mesmas, algunhas, por suposto que sí, pero outras, por suposto que non. Coa que está caendo, hai que ter ideas claras e non substituir por substituir, cando se poden facer outras obras de repercusión máis ampla para o conxunto da cidadanía”.

O edil popular considerou como “positivo o Plano Extraordinario de Obras da Deputación e confía en que a Deputación, como concello de concellos que é, continúe apostando por este tipo de actuacións, pero pedíndolles aos concellos que os investimentos sexan racionais e non meros escaparates”.

Exit mobile version