Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da comisión de festas de San Cibrao di que A Maruxaina foi “das máis concorridas da súa historia”

Nota de prensa

O presidente da comisión de festas de San Ciprián cualifica de notable éxito “unha das Maruxainas máis concorridas da súa historia”
O Presidente da Comisión de Festas de San Ciprián fai un balance moi positivo da cita declarada de interese turístico galego

Balseiro cualifica de notable éxito unha das Maruxainas máis concorridas da súa historia

Agradece a colaboración veciñal, de empresas e comercios e das administracións, nomeadamente do Concello de Cervo, polo seu esforzado apoio económico e polo despregue de medios técnicos e persoais.

San Ciprián 18 de agosto de 2011.- O presidente da Comisión de Festas de San Ciprián, Jose Manuel Balseiro, en nome do colectivo organizador fixo un balance moi positivo da pasada edición da festa da Maruxaina, cita declarada de interese turístico galego, que tivo lugar o pasado sábado día 13 de agosto.

Ao remate da reunión da comisión organizadora, Balseiro sinalou que a celebración pechou cun notable éxito, non só en canto a participación -foi unha das máis concorridas dos últimos anos- senón tamén polo bo ambiente acadado en todo momento entre os participantes, e a ausencia de incidentes salientables. Balseiro explicou que “a xente encheu San Ciprián, tanto o venres coma o sábado, participando en todas as actividades. O propio día da Maruxaina as rúas da península da paz estaban repletas de xente, desde a nova praza dos Campos, á prazoleta, incluído a praia do Torno e todos os areais. Milleiros de persoas gozando do ambiente festivo e participando no xantar, nos xogos maruxainos, bailando coas charangas… no momento do desembarco con fogos artificiais… foi simplemente espectacular”.

Jose Manuel Balseiro subliñou que “o balance tamén foi moi positivo tanto pola asistencia como pola colaboración veciñal acadada”. De feito quixo agradecer aos veciños a súa implicación coa festa e tamén aos comercios, hostalería e empresas, que contribuíron ao financiamento das mesmas. O presidente da comisión organizadora lembrou tamén o apoio das distintas administracións, tanto á Maruxaina como ás festas patronais do Carme e quixo nomear dun xeito destacado ao Concello de Cervo, quen non só contribuíu cunha esforzada achega económica senón cun imprescindible e acertado apoio de medios técnicos e persoais.

COMISIÓN DE FESTAS

Balseiro lembrou que o traballo de organización da Maruxaina 2011 e das Festas do Carme de San Ciprián foi posible grazas ao esforzo desinteresado dun grupo de xente aos que quixo facer extensible o seu máis sincero agradecemento. Neste senso lembrou que a Comisión de Festas de San Ciprián que el preside está formada por Ramon Rivas, Antonio Basanta, Alfredo Fernández, Diego Campo, Toño Gallego, Elisabet Peña, Tania González, Marite Rouco, German Fra, Aida Basanta, Monterroso, Jesús Mota, Luisa Blanco, Jaime Barreal, Montse González, Suso Prado, Jose Luis López, Eva García.

Exit mobile version