Site icon Crónica3.com A Mariña

O viveirense Iago Barro Sánchez xa é porteiro do Burela FS

O viveirense Iago Barro Sánchez xa é porteiro do Burela FS

Nota de prensa

O BURELA FS PRESENTA OFICIALMENTE O PORTEIRO IAGO BARRO

O viveirense Iago Barro Sánchez xa é porteiro do Burela FS. As negociacións puxeron o peche onte pola tarde coa formalización do contrato na sede laranxa, nunha cita na que o mariñán se reuniu co vicepresidente do club, Manuel Blanco.

Dende o Mera FS, de Primeira Nacional A, Iago Barro, aos 22 anos, chega “moi ilusionado e contento” á escuadra laranxa, como un dos gardametas galegos con máis proxección, para compartir responsabilidades baixo os paus co burelao Brais. “É un verdadeiro reto poder estrearme na Segunda División cun equipo de gran calidade, que opta ano tras ano aos play off” dixo o viveirense, formado na base do Puerto Celeiro, que ten os obxectivos moi claros: “Veño para xogar no Burela FS, non só para adestrar; traballarei duro para competir co equipo e gañarme un sitio no fútbol sala profesional”. “A pesar do hándicap do salto de categoría creo que me adaptarei rapidamente a un equipo no que xa coñezo a Christian, Juanma e Manu, ademais de Brais, co que me enfrontei en xuvenís nos derbis Burela-Puerto Celeiro. Estarei preto da casa e entre amigos e iso facilitarame as cousas” asegurou o novo meta laranxa.

Manuel Blanco trasladou a satisfacción do club laranxa por “acoller entre as filas burelistas a un deportista da Mariña con moito futuro que, aínda sendo moi novo, xa conta con experiencia contrastada”. “Iago súmase á nosa aposta de rexuvenecemento dun cadro con moita marxe de proxección” dixo o directivo.

Exit mobile version