Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentan fotografías da fototeca “Ribadeo na memoria” na igrexa da Atalaia

Nota de prensa
A IGREXA DA ATALAIA ACOLLERÁ MAÑÁ POLA NOITE A PRESENTACIÓN DE RIBADEO NA MEMORIA. O PROXECTO DA FOTOTECA CONTA XA CON MÁIS DE 2.000 IMAXES DA VILA E DAS PARROQUIAS.

Ribadeo, 20 de agosto de 2011. Preservar esta parte do patrimonio que son as fotografías é o obxectivo último deste proxecto Ribadeo na memoria que, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, levan a cabo diferentes áreas do Concello de Ribadeo.

Logo dun primeiro traballo de recollida de fotos anteriores a 1970 na que colaboraron particulares e asociacións de veciñas e veciñas Ribadeo na memoria leva xa recollidas máis de 2000 imaxes que formarán parte da web http://namemoria.ribadeo.org á que se poderá acceder tamén a través do sitio en internet do propio Concello. Son varias as escolas das parroquias do rural onde xa quedan as fotografías reproducidas (Ove, Couxela, Rinlo, Vilaframil, Vilaselán, Remourelle…). A partir de outubro volverase ao traballo ata completar todo o Concello.

Desde a Concellaría de Cultura explican que “polo que respecta ao arquivo de Ribadeo, imos ter oportunidade de ver unha escolla de fotos no forte San Damián  a partires do día 23 deste mes de agosto e ata que rematen as festas patronais. Na exposición poderanse ver tamén cámaras  antigas emprestadas por un dos fotógrafos máis importantes da vila, Balbino Pérez”.

O acto central  vai ter lugar este domingo ás 21.30 horas  e tres son os temas arredor dos cales se organizará  a presentación: a vila, arredor do porto e a ría e nós. Vai haber tamén unha mención especial para a figura relevante de José Fernández Cancio, “José do Bazar”, un fotógrafo autodidacta e afeccionado que se converteu nun auténtico cronista da vida dos ribadenses. O evento vai consistir nunha proxección de fotografías. Intervirán o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Mª Luz Álvarez Lastra, e o profesor Roberto Rodríguez. “Preténdese que sexa  tamén un pequeno acto de recoñecemento a todas as persoas que se dedicaron e se dedican a captar a nosa vida coas súas cámaras. É por iso que entre os convidados están, á parte de fotógrafos en activo como Miguel, Suso, Fernando Fernández Páez ou Diego Casado, outros que xa non exercen como Agustín Fernández Galián (Cartagena), Gonzalo Montero, e familiares de  Suso Peña, Antonio Ramil, Domingo Sáez ou Balbino Pérez”, sinalan desde Cultura.

A igrexa da Atalaia é  o edificio relixioso máis antigo da vila e no seu adro celebrábanse os concellos abertos para debater os temas que afectaban os veciños. A pesares da súa importancia moitos/as ribadenses nunca entraron na Atalaia. Este domingo vai estar aberta desde media hora antes do acto para que todas aquelas persoas que queiran poidan coñecer o templo.

Exit mobile version