Site icon Crónica3.com A Mariña

As praias ribadenses de As Catedrais e Os Castros recibiron a Q de Calidade con simulacros de seguridade

Nota de prensa 1/2

AS PRAIAS DE AS CATEDRAIS E AS ILLAS-CASTROS RECIBEN A Q DE CALIDADE QUE LLES VEN DE OUTORGAR O ICTE. FERNANDO SUÁREZ DESTACOU QUE SE TRATA DUN GALARDÓN MOI IMPORTANTE E MOI ESIXENTE.

Ribadeo, 2 de agosto de 2011. As praias de As Catedrais e As Illas-Castros reciben a Q de calidade que lles ven de outorgar o Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE). O alcalde, Fernando Suárez, destacou que se trata dun galardón moi importante e moi esixente.

O rexedor sinalou que “hoxe, día 2 de agosto, o Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) ven de comunicar os resultados do comité que se celebrou o pasado 22 de xullo e foi moi positivo para as nosas praias, xa que tanto a das Catedrais como a dos Castros e as Illas obteñen a bandeira da Q de calidade para este ano 2011”.

Suárez Barcia dixo que “desde o Concello estimamos que isto non é por casualidade, senón que é o resultado dos esforzos realizados na mellora das nosas instalacións e na rigurosidade no cumprimento das medidas esixidas por esta importante certificación no que ten que ver coa calidade das infraestructuras e dos servicios. Entre outras cousas cabe sinalar que estamos realizando, concretamente hoxe, simulacros de salvamento e socorrismo coa participación do equipo de salvamento e socorrismo, da Policía Local, da Garda Civil, da ambulancia medicalizada do 061 e tamén do noso Grumir”.

O alcalde de Ribadeo destacou que “é un galardón moi importante, moi esixente, que temos que pasar auditorías moi fortes, moi complexas. A reflexión que fago de todo isto é que non deben estar tan mal as nosas praias cando se nos outorga, outro ano máis, este galardón de calidade turística que precisamente se refire a iso, á calidade turística das nosas praias”. E engadiu que “isto non impide que o Concello, como non, para o ano que ven volva presentar as súas candidaturas para a bandeira azul, pero quero decir que a bandeira da Q de calidade é tan importante e tan esixente como a que máis”.

Nota de prensa 1/2

Co motivo de cumprir coas esixencias da certificación Q de Calidade, que precisamente hoxe foi renovada para as praias de Ribadeo, tiveron lugar dous simulacros de seguridade e salvamento nas praias de As Catedrais e Os Castros. Consistiron na simulación dunha agresión a un socorrista e o rescate dun bañista en dificultades. No mesmo participaron, ademais do equipo de salvamento e socorrismo, a Policía Local, as ambulancias de Ribadeo e Foz de emerxencias 061, e os membros do GRUMIR de Ribadeo.
Ambos simulacros, coordinados por Horacio Cupeiro, concelleiro de Medio Ambiente e Praias, permitiron avaliar a capacidade de mobilización e coordinación dos diferentes equipos en caso de necesidade. Os resultados foron satisfactorios, cumpríndose axeitadamente os tempos de resposta definidos pola na norma para todos eles, polo que os usuarios das nosas praias poden seguir a gozar delas con tranquilidade.

Exit mobile version