Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata o ciclo musical de Eido Dourado coa actuación dos arxentinos Pollerapantalón no camping Gaivota

Nota de prensa

O VENRES REMATA O CICLO MUSICAL QUE VEU PROMOVENDO O EIDO DOURADO AO LONGO DESTE VERÁN. OS ARXENTINOS POLLERAPANTALÓN OFRECERÁN UN CONCERTO NAS TERRAZAS DO CAMPING GAIVOTA A PARTIRES DAS ONCE DA NOITE.

Barreiros, 24 de agosto de 2011. O venres remata o ciclo musical que veu promovendo ao longo deste verán o Eido Dourado. Os arxentinos Pollerapantalón ofrecerán un concerto a partires das 23 horas nas terrazas do camping Gaivota en Benquerencia.

Dourado sinala que “os que asistan ao concerto deste venres poderán disfrutar dun grupo singular, de rúa, é un grupo que se expresa sempre na rúa, teñen un espectáculo moi movido. Pollerapantalón nace no 2005 en Bós Aires, fan xiras por América do Sur e por España tocando polas rúas, puxéronse en contacto co Eido Dourado para dar aquí un concerto, coincidían ben as datas e por iso estarán con nós este venres, 26 de agosto”.

O artistas barreirense explica que “Pollerapantalón está formado por un cuarteto base e a partires de aí está liderado por tres saxofóns femininos, os que lle dan realmente o espectáculo. Fan todo tipo de música, unha mezcla que vai desde o funky, o tango, a chacarera… fan unhas introduccións á música da Europa do leste. É un espectáculo singular”. Dourado lembra que “o acto é gratuito e aberto a todos os que desexen escoitar boa música”.

O de Pollerapantalón será o último concerto deste verán promovido polo Eido Dourado. O seu artífice Celso Dourado fai un balance persoal tremendamente positivo “e o balance social tamén é bastante positivo, o lamentable é que teñamos que ser iniciativas particulares as que afrontemos todos os gastos que conleva traer todos estes espectáculos de música de calidade. É lamentable coa cantidade de orquestras e de festas que se fan no verán que ninguén aposte por unha determinada música de calidade”. Dourado engade que “o balance é positivo, a pesares do esforzo realizado tanto físico como económico para traer esta xente e cubrir os gastos. Agardo que nalgún momento na nosa Mariña cambie algo, sobre todo políticamente, cara este tipo de cultura e de eventos musicais. Dubídoo, pero a esperanza nunca se perde”.

Exit mobile version