Site icon Crónica3.com A Mariña

Satisfacción do concello de Cervo pola participación nas competicións das Noites Alternativas

Nota de prensa:
A mostra está organizada pola Comisión organizadora do XXV Aniversario do Hospital da Costa e nela colabora o Concello de Cervo

MÁIS DE 300 PERSOAS PARTICIPARON NAS DIFERENTES COMPETICIÓNS DAS NOITES ALTERNATIVAS ORGANIZADAS POLO CONCELLO

Fútbol sala 3×3, Baloncesto 3×3, Voleipraia 2×2 e fútbol-praia 3×3 configuraron as distintas competicións que se desenvolveron nas vilas de Cervo e San Ciprián durante este verán
Dende o Concello amosan a súa satisfacción pola resposta acadada entre veciños e visitantes e adiantan que pretenden fomentar este tipo de actividades ao longo de todo o ano

Cervo, 24 de agosto de 2011.- Un total de 316 persoas de ámbolos dous sexos e de tódalas idades participaron dende o pasado día 19 de xuño en San Ciprián e Cervo nas diferentes competicións deportivas organizadas pola concellería de Deportes do Concello de Cervo baixo o nome de “Noites Alternativas”.

O alcalde, Alfonso Villares, valorou moi positivamente esta resposta do público nas distintas competicións organizadas dentro desta oferta de ocio mediante a práctica do deporte durante as noites de verán para veciños e visitantes do municipio. “Desde que comezamos este proxecto hai tres anos quixemos brindar unha alternativa de ocio nas noites de verán á xuventude do noso concello e tamén aos que escollen o noso municipio para pasar as súas vacacións. Dese xeito, conseguimos fomentar as relacións interpersoais entre estes rapaces e lles brindamos unha opción saudable para o seu divertimento nas noites de lecer de verán”. En base a isto, o rexedor cervense asegurou que os obxectivos marcados con este programa “cumpríronse amplamente”.

Competicións para tódalas idades

As “Noites Alternativas” acolleron competicións en Cervo e San Ciprián de fútbol-sala 3×3 e baloncesto 3×3; mentres que as competicións de fútbol-praia 3×3 e volei-praia 2×2 celebráronse en San Ciprián. A participación acoleu a rapaces dende os 10 anos e sen idade límite, pois a organización organizou os distintos enfrontamentos segundo a categoría dos inscritos.

As competicións desenvolvéronse nun horario de 22.00 a 01.30 horas os martes, mércores e xoves. As pistas ao aire libre da praza dos Campos de San Ciprián e do parque de Cervo foron as sedes dos partidos de fútbol sala e baloncesto, mentres que as competicións deportivas de praia desenvolvéronse na praia do Torno, en San Ciprián.

Todas estas actividades foron gratuítas e o mecanismo de inscrición era moi flexible, pois podía facerse o día anterior do comezo de cada actividade.

“Atopámonos moi satisfeitos da aceptación do público que tivo esta actividade e vamos a seguir insistindo dun xeito importante para que o deporte e este tipo de alternativas de ocio para os nosos mozos e mozas non se limiten só á época estival,se non tamén durante todo o ano” sinalou o alcalde cervense.

Exit mobile version