Site icon Crónica3.com A Mariña

Solucións para Barreiros

Resulta curioso observar como agora que está tan próxima a saída a complexa situación acontecida tras a paralización urbanística que o bipartito impuxo no concello de Barreiros, existan voces recorrentes, procedentes dalgúns sectores destes mesmos partidos -PSOE e BNG, hoxe na oposición- que cuestionan e critican, empregando moi belixerantes e crispadas palabras, as xestións de aqueles que, como a Xunta hoxe, só buscan superar o actual escenario de incerteza, desde o máis estrito respecto á legalidade vixente, ao desenvolvemento dun urbanismo sostible e á cohesión social da poboación.

Non sei que pretenden. Se o que tratan é de xerar unha tensión estéril, provocar polémicas baleiras de contido real, para ocultar o nerviosismo ante a proximidade dunha nova cita electoral, especialmente complicada para socialistas e nacionalistas. Pero está claro que esta estratexia en nada beneficia nin aos veciños de Barreiros, nin aos compradores de boa fe, nin aos empregados das empresas construtoras que teñen as edificacións a medio construír e que perderon ou viron perigar o seu posto de traballo.

Debemos lembrar fóra de toda demagoxia, que a solución adoptada non é da Xunta de Galicia, senón unha solución plural, acordada entre moi diversas administracións, incluída a Deputación de Lugo, gobernada por socialistas e nacionalistas. Un acordo que, como así o entenderon todos os asinantes, ten como obxectivo colaborar activamente, de forma conxunta, na transformación material do solo urbano existente, a fin de dotalo, de maneira efectiva, sen espazo para a dúbida e a curto prazo, das infraestruturas suficientes: auga potable, saneamento, mellores accesos… etc.

Calquera observador imparcial podería avalar un feito certo: as decisións do bipartito ocasionaron un profundo impacto económico, en todo o sector da promoción, na bisbarra e incluso en toda a provincia. Pero aquí non se trata de beneficiar a ninguén distinto dos actuais e futuros veciños, e son eles precisamente os que elección tras elección castigan a aqueles que como o PSOE crearon o problema, ou o BNG, están tras as primeiras presións para que se paralizara o urbanismo. ¿Alguén entende como é posible que avalen en Lugo o que en Santiago din é irregular? ¿O que hoxe critiquen o que eles mesmos tiñan previsto poñer en marcha de non producirse o cambio de goberno en Galicia? Pois así o están a facer, polo de agora.

Creo que no tocante á situación urbanística de Barreiros todos temos que facer un esforzo e actuar con maior responsabilidade. Na nosa man, como políticos, está articular solucións que, dende a legalidade –sempre dende a legalidade–,e coa colaboración de todos, fagan posible abordar e resolver os problemas que, en última instancia -quero recordar- non son dos gobernos, non son do Goberno municipal, non son dos tribunais, nin da Xunta, nin tampouco dos grupos da oposición, senón que son, en definitiva, problemas dos cidadáns que nós temos a obriga de solucionar. Por iso actuemos con máis responsabilidade, con menos demagoxia e co único obxectivo do traballo a prol dos veciños de Barreiros. Así gañaremos todos.

Jose Manuel Balseiro Orol

Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version