Site icon Crónica3.com A Mariña

Turero volve ao Burela FS tras pasar polo Balticflora Teplice, de Chequia, e o CD Rececende Superti A Pontenova

Nota de prensa

TURERO: ‘É O MOMENTO DE APROVEITAR A OPORTUNIDADE E CONTAR CON MINUTOS’

O dorsal 18 do Burela FS terá nome de canteirán en 2011-12, o de Turero ou o que é o mesmo, Rubén García Freije. O pivote trabadense volve á Segunda División, no seu segundo ano de contrato coa entidade laranxa, tras un aventuroso ano entre o Balticflora Teplice, de Chequia, e o CD Rececende Superti A Pontenova, de Primeira Nacional A, “para aproveitar a oportunidade e contar con minutos”.

“Levo dous anos esperando este momento; no salto de xuvenil apenas tiven minutos e o ano pasado vivín unha experiencia moi enriquecedora. Teño moitas ganas de que todo saia ben neste novo proxecto do Burela FS”, dixo Turero. Aos seus 21 anos, o mariñán recoñécese como un xogador “máis experimentado, maduro e sereno”: “En Chequia puiden coñecer outros estilos de xogo e empregar o fútbol sala como medio de comunicación, pola diferenza idiomática; a estancia no Superti tamén me axudou a evolucionar como deportista, xogando con e contra futbolistas veteranos, con experiencia en Honra e Prata” explicou o trabadense.

“Estes primeiros días son de adestramentos físicos e adaptación. Somos un cadro amplo moi novo, aínda nos estamos coñecendo pero do que non hai dúbida é de que desprendemos ganas e ilusión” asegurou Turero.

Exit mobile version