Site icon Crónica3.com A Mariña

Van de sobrados

Van de sobrados

O pasado fin de semana o señor Zapatero puxo fin á incerteza acerca da data das eleccións. Cun Rajoy que reeditaba aquel “váyase Sr. González” reclamando eleccións porque a situación era, segundo el, insostíbel, a dereita española (desde a máis rancia ata a non tan rancia) todos ao unísono destapaban as botellas de champaña como se Fernando Alonso ou “la roja” nos regalaran unha xornada deportiva vitoriosa.

Queda moito por andar, e desde logo todo apunta a unha vitoria do PP. Pero teño unhas sensacións moi semellantes ás do 96. Lembran aquel “Pujol, enano, habla castellano” convertido nun “catalán en la intimidad”? Nos cuarteis da rúa Xénova saben que iso sería catastrófico, por iso están ao axexo apertando as caravillas en todo canto lugar coiden que poidan xurdir problemas.

Velaí o caso da nosa comunidade veciña. A señora Cospedal, aínda coa súa cabeza imbuída do espírito da “mantilla”, ven de advertir, case cal Rosa Díez de mis amores, que Asturias non se pode deixar levar por discursos pseudonacionalistas ou aparentemente rexionalistas. Ademais, comunicou a todo o que quixera oír (por certo, ao igual que a TVG se ve alí, aquí tamén podemos escoitar a TPA), que ían facer un esforzo especial con Asturias. Debe ser que con Galiza non precisan facelo, que xa a teñen (a do PP) no bote.

Ao mesmo tempo que a señora do espírito da “mantilla” dicía todo isto, o señor Ginés Meléndez, seleccionador da sub19 de fútbol, arrincaba con desprezo e cara de noxo a bandeira asturiana a Juan Muñiz. Tal e como a dereitona máis rancia nunca lle perdoou a Asturias a súa resistencia á rebelión militar contra o goberno lexítimo da República, semella agora que tampouco lle perdoa ter apostado por unha forza propia. Xa o pobo asturiano determinará ao longo do tempo se lle mantén, ou non, a súa confianza a esa nova forza política. Pero vese ben ás claras que as vellas glorias da máis rancia dereita española andan a amosar as gadoupas. Non nos enganemos. Vai ser responsabilidade de todos e todas saber pararlles os pes.

Farruco GRAÑA

Exit mobile version