Site icon Crónica3.com A Mariña

Don Paco, mariñán insigne

DON PACO, MARIÑÁN INSIGNE

O vindeiro venres o concello de Lourenzá vai tributar unha homenaxe ó que, sendo seu fillo predilecto é, por extensión, fillo insigne da Mariña: don Francisco Fernández del Riego, un dos meirandes persoeiros da cultura da nosa terra.
Coñecimos en persoa a don Paco hai preto de vinte anos (1994), en Ourense, co gallo
de celebrarse no hotel Auriense unha cea de gala, no marco da cal se entregaban os
premios “Irmandade do Libro” que convoca a Federación de Libreiros de Galicia,
velada á que, convidado de honra, asistía o ilustre intelectual. A organización tivo
a deferencia de situarnos mesmo ó seu carón e tal ubicación permitiunos, a través da
densa conversa, coñecer moi de preto a súa personalidade humana; da obra tiñamos
coñecemento.
O que fora presidente da R.A.G. que recibiu ó longo da súa extensa e fecunda vida,
os mais importantes galardóns: Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Premio
Trasalba, Galego Egrexio, Medalla de Ouro de Galicia, doutor Honoris Causa,
etc. pasou os 12 primeiros agostos da vida (nacera en 1913) na vila focega., á que
viaxaba no carro da Capieira de Vilanova. Hospedábase o rapaz na casa de Rogelia,
viúva dun mariñeiro, no Campo, e recordaba que o chan da casa estaba sempre estrado
de area do mar, apañaba ollos maus, pescaba camaróns co esquieiro e os domingos, ás
doce, a banda de Martiz, de Vilaronte, daba un concerto no peirao.
Falamos tamén de temas de actualidade e o ilustre académico laiábase de como,
incluso dende as administracións públicas, estase a agredir o patrimonio cultural e
histórico, e de como a falta de sensibilidade, e aínda de visión de futuro, masacra a
paisaxe rural e urbana dos nosos pobos. Nun momento dado, díxonos: “Eu fun
un político con ilusión e honesto e, a maiores, engadimos nós, excepcionalmente culto,
coherente, tolerante e con esa humildade, que conserva íntegra, que é patrimonio dos
grandes homes “Eran aqueles, tempos de políticos románticos, que non buscaban
compensacións, traballaban por ideais, cunha pureza e unha autenticidade admirables”.
Dende o encontro en Ourense visitámolo cada vez que viaxábamos a Vigo onde dirixía a Casa Galega da Cultura, ata practicamente os derradeiros días da vida. A enfermidade da súa dona Evelina, postrada física e mentalmente, era “a razón principal, díxonos nunha ocasión, que me impide visitar a miña amada terra de Lourenzá, que tanto añoro”. A don Paco afetouno un grave problema de mobilidade e non voltou á terra. Do Mundo de Galea, que quería investilo Cabaleiro do Mariscal, viaxaron medio cento de membros á cidade da oliva e alí, en acto solemne, con todo o rigor e a parafernalia, consumouse o mesmo. No parlamento que, por voceiro do colectivo nos correspondeo, entre outras cousas, dixemos “”Estas que o acompañan son as súas xentes, as xentes da bisbarra que ten para vostede o corazón en Vilanova; daqueles pobos que con tanta galanura describe no seu fermoso libro “Lourenzá”. Vimos a ofrecerlle o testemuño da nosa gratitude, da nosa admiración e do noso agarimo. Porque é vostede persoa que honrou sempre, e honra, a súa terra, que é a nosa, Grazas polo exemplo. Traémoslle a esta cosmopolita cidade a lembranza da virxiliana natureza do seu val, ”a cunca multiverde arrodeada de lombas”, como vostede a chamou, e tamén as brisas da Rapadoira que tanto disfrutou na súa nenez.. Traémoslle os recordos do seu ”vagacento pasear” polo silente cantón enlousado da súa vila natal; os lugares e paraxes que lle son tan queridos… Por iso, e moito.mais, O Mundo de Galea quere distinguilo co máximo galardón que lle é posible::Cabaleiro do Mariscal Pardo de Cela”. A emoción do homenaxeado, a cuxas costas penduraba a foto xigante do mosteiro laurentino, era ostensible. Don Paco viviu unha xornada emotiva e feliz, na que non faltou a gaita nen as vellas cantigas da nosa bisbarra.

Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz

Exit mobile version