Site icon Crónica3.com A Mariña

26 artesáns de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Valladolid participarán en Artesanfroilán,

Nota de prensa

26 artesáns de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Valladolid participarán en Artesanfroilán, a mostra máis barata de Galicia

– Regina Polín, acompañada por profesionais do sector, presentou hoxe a mostra que organiza a institución durante o San Froilán en apoio ás patronais e co fin de impulsar ó exterior a riqueza artesanal galega, aproveitando a visita de miles de persoas a Lugo

– 13 profesionais de Lugo, 7 de A Coruña, 5 de Pontevedra e 1 de Valladolid porán á venda pezas de textil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, oleiría, vidro, zapatos, cartón pedra, serigrafía, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería, telar ou bonequería

– O volume de negocio, superior ós 100.000 euros, xunto ó feito de que cada profesional só teña que aportar 360 euros, prezo 3 veces inferior o das restantes exposicións na Comunidade, fixo que se rexistrasen 75 solicitudes de artesáns de toda España e Portugal

– A Deputada instou á Xunta a colaborar co San Froilán xa que “non ten cartos para Lugo pero si para a Cidade da Cultura ou para oficinas en México de 20.000 euros. É hora de que deixe de comer do papo e de dar espectáculos propios para pagar os dos profesionais”

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada por profesionais do sector, presentou este xoves a XIV edición de Artesanfroilán. É a mostra de artesanía que organiza o organismo provincial a través do CENTRAD na capital durante o San Froilán en apoio a estes festexos. A institución aproveita a maiores, a afluencia de miles persoas procedentes de distintos puntos do país en Lugo durante as patronais para dar conta da riqueza artesanal galega e impulsala ó exterior. Trátase ademais, da exposición de artesanía máis barata de Galicia xa que os profesionais só teñen que aportar 360 euros, prezo 3 veces inferior ó das restantes mostras deste sector celebradas nas cidades da Comunidade. A Deputación asume todos os custes, investindo 50.000 euros.

Regina Polín avanzou que serán 26 os profesionais que exporán os seus traballos dende o 5 ó 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez. Son 13 artesáns de Lugo, concretamente dos Concellos de Monforte (3), Ribadeo (1), Viveiro (2), Outeiro de Rei (1), Cervo (1) e Lugo(5); 7 de A Coruña, dos municipios de Melide, Santiago, Teo, Buño, Oza dos Ríos, Sigras Cambre, Ponte do Porto; 5 de Pontevedra, Moaña, Vigo, Panxón, Pontecaldelas e Pontevedra; e 1 de Quintanilla Trigueros, en Valladolid.

A Deputada explicou que para a selección destes profesionais avaliouse, tal e como recollen as bases feitas públicas, a súa procedencia, primando en primeiro lugar, que fosen da provincia lucense e logo de Galicia. Ademais, tamén se tivo en conta a calidade e a variedade dos produtos, co obxectivo de que a mostra acolla a diversidade artesanal. Deste xeito, os 25 “stands” contarán con pezas de textil, cerámica, encaixe, marroquinería, flor seca, oleiría, vidro, zapatos, cartón pedra, serigrafía, xoiería, marquetería, cestaría, bisutería, telar ou bonequería.

Máis beneficios e máis solicitantes

Artesanfroilán é xa unha mostra consolidada e con nome en España. Nos últimos 4 anos, foi ganando prestixio no sector principalmente, debido ós beneficios acadados polos seus participantes. Neste senso, foi clave a colaboración que o Concello de Lugo presta dende hai 3 anos á Deputación, facilitando un céntrico espazo detrás da Casa Consistorial luguesa polo que transcorren miles de persoas para levar aí esta exposición.

Froito da suma de esforzos entre ambas as dúas administracións, na pasada edición, os artesáns rexistraron un volume de negocio superior ós 100.000 euros. Estes profesionais esperan nesta ocasión beneficios superiores. Tendo en conta os bos resultados económicos e o feito de que Artesanfroilán se trate da mostra de artesanía máis rendible de Galicia, rexistráronse 75 peticións de artesáns de toda España, principalmente de Castela León e Cataluña, ademais de profesionais de Portugal, para participar en Artesanfroilán 2011.

Horarios e premios

A mostra abrirá as súas portas o día 5 co seguinte horario: de 11:00 ás 14:30 horas e de 17:00 ás 21:30 horas. O día 12 pechará ás 21:00 horas. Coma todos os anos, a Deputación galardoará ademais, con 1.000 euros ó mellor expositor. Para elo, tal e como recollen as bases do concurso feitas públicas, avaliarase o deseño do “stand”, a presentación do produto, a orixinalidade e o esforzo por mellorar a imaxe da feira.

“Deixen de comer do papo e de dar espectáculos”

A Deputada fixo un chamamento público á Xunta de Galicia para que recapacite e apoie o San Froilán. Polín salientou que as patronais deixaron en Lugo o ano pasado 18 millóns de euros. Este ano espérase un volume de negocio semellante xa que a día hoxe os establecemento hoteleiros están practicamente cubertos. “Se todos estamos de acordo que as nosas festas xeran riqueza, pídolle ó Goberno galego que deixe de ser tan austero e que manteña a axuda de 15.000 euros. Non teñen cartos para Lugo pero si para a Cidade da Cultura ou para inaugurar oficinas no exterior como a México, onde investiu 20.000 euros. O que si sabe a Xunta e que o San Froilán serve para facer promoción de aí que, malia que non poñen cartos para a súa organización, inviten ós seus simpatizantes a unha pulpada. É hora de que a Xunta deixe de comer do papo e de dar espectáculos propios para pagar os dos auténticos profesionais”.

Exit mobile version