Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de cultura da Deputación oferta aos concellos a exposición “Documentos con memoria”

Nota de prensa:

A Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura e Turismo, oferta en itinerancia aos concellos a exposición “Documentos con memoria” a partir de outubro

A exposición Documentos con memoria, é unha mostra bibliográfica, fotográfica e documental sobre o convento de San Francisco de Lugo (hoxe sede do Museo Provincial) producida polo propio Museo Provincial para conmemorar o 80º aniversario da declaración como BIC deste edificio.

Esta mostra consta de seis paneis de policarbonato con planos dos arquitectos Miguel Durán-Loriga, Manuel Gómez Román e Araceli Novo Celeiro, amais de debuxos, documentos, fotos e unha vídeo-montaxe cunha selección bibliográfica e imaxes de grande interese. Estivo exposta con notable éxito no Museo Provincial de Lugo de maio a xuño de 2011, no Museo Pazo de Tor no mes de xullo, no Museo Etnográfico de San Paio de Narla, Friol, en agosto, para rematar a itinerancia polos museos da Rede Museística da Deputación no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, o día 30 deste mes de novembro.

Agora, e co obxectivo de contribuír á difusión da nosa cultura e patrimonio, ofrécese aos concellos da provincia de Lugo e a outras institucións ou colectivos que así o soliciten a posibilidade de exhibir esta exposición na súa localidade.

As institucións interesadas deben porse en contacto co Museo Provincial, a través do telf. 982 24 21 12 ou no enderezo electrónico belas.artes@museolugo.org, para reservar e concertar as datas do seu interese, solicitudes que se atenderán por rigorosa orde de recepción.

Os gastos de transporte e envío do material serían sufragados pola Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura e Turismo da Deputación, sendo responsabilidade exclusiva do receptor da exposición en itinerancia a vixilancia e seguridade in situ do material exposto.

Máis información:

Museo Provincial de Lugo

Praza da Soidade s/n
27001 Lugo

Tfno.: 982 242112 / 7 info@museolugo.org

Máis información sobre esta exposición na web: http://www.museolugo.org/documentos.asp?mat=27&id=1460

Exit mobile version