Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG apoia á familia do traballador finado en Alcoa e denuncia a ineficacia dos protocolos de seguridade

Nota de prensa

A CIG traslada todo o seu apoio á familia do traballador falecido en Alcoa e denuncia a ineficacia dos protocolos de seguridade

A Federación do Metal estuda levar adiante todas as medidas legais oportunas para depurar responsabilidades

A CIG-Metal quere trasladar o pésame e o apoio á familia do traballador falecido nas instalacións de Alcoa San Cibrao na tarde do xoves. Porén, a central sindical ten que denunciar, novamente, a ineficacia dos protocolos de seguridade así como os reiterados incumprimentos por parte da dirección da factoría nesta materia, primando o aforro económico sobre a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, coas graves consecuencias que isto supón para o cadro de persoal.

Dende a CIG-Metal lembran que as deficiencias en materia de seguridade laboral foron reiteradamente denunciadas tanto pola central sindical como polo Comité de empresa. Esta falta de cumprimento das normas de seguridade e saúde laboral víronse agravadas nos últimos anos coa redución do cadro de persoal ao mínimo, obrigando aos/ás operarios/as a incumprir os procedementos estabelecidos e impondo ritmos de traballo frenéticos para sacar adiante a carga de traballo. De feito, como xa se denunciou en ocasións anteriores, a falta persoal obriga aos empregados/as a realizar en solitario tarefas programadas para dúas persoas.

Desgrazadamente, unha vez máis, a desidia por parte da dirección no cumprimento estrito e na adecuada avaliación dos protocolos de seguridade tense traducido nun sinistro laboral, neste caso de consecuencias irreparábeis. O Secretario da CIG-Metal en Lugo-A Mariña e delegado sindical en Alcoa, Antón González, ten denunciado a falta de efectividade de ditos protocolos, xa que no accidente rexistrado na tarde do xoves, a ambulancia tardou 20 minutos en chegar ao lugar dos feitos, cando tería que presentarse na metade deste tempo.

Ademais, no período de evacuación e rescate só pode atender á persoa accidentada un equipo de rescate preparado para tal tarefa. Porén a continuada redución de persoal aplicada por Alcoa ten provocado que os traballadores/as que integran esa brigada de rescate non puidesen chegar a tempo, polo que foron os propios/as compañeiros/as que se atopaban no lugar os/as que tiveron que baixar á vítima.

No tocante a este punto, cómpre subliñar tamén os problemas rexistrados nos dous ascensores cos que conta a empresa para baixar ao persoal. Un deles foi clausurado pola Xunta de Galiza por non cumprir os requisitos necesarios para tal misión, mentres que o outro presenta continuos fallos por falta de mantemento. Dende hai días os traballadores/as viñan avisando dos problemas do elevador, mais a dirección desoíu estas advertencias. A consecuencia: onte o ascensor non funcionou.

A falta de coñecer o resultado da investigación que realizará a empresa, a CIG-Metal non pode menos que criticar con dureza a anteposición de criterios economicistas por parte da dirección fronte á saúde dos traballadores/as, polo que a Federación de Lugo-A Mariña porá en marcha todos os mecanismos legais precisos para depurar responsabilidades e evitar que se repitan sinistros desta magnitude. Neste senso, a Federación espera que os resultados da investigación verifiquen o número de horas sen descanso que a vítima (dunha empresa externa) levaba realizando o seu traballo.

Os delegados da CIG en Alcoa tamén lamentan a falta de celeridade por parte da Inspección de Traballo para obrigar á dirección a cumprir coa normativa en materia de seguridade laboral, así como o mutismo que as demais organizacións sindicais con representación na empresa teñen amosado diante desta problemática.

Exit mobile version