Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino convoca ao profesorado da Mariña a unha asemblea sobre os recortes da Xunta en materia educativa

Nota de prensa

A CIG ENSINO CONVOCA AO PROFESORADO DA MARIÑA A UNHA ASEMBLEA INFORMATIVA

Ribadeo, a 12 de setembro de 2011.- A CIG-Ensino convoca a todo o profesorado da Mariña a unha asemblea informativa sobre os recortes que a Xunta realizou en materia educativa coa imposición da ampliación do horario lectivo e das funcións do profesorado e que repercutirá na calidade do ensino dos centros públicos. A asemblea terá lugar este mércores, día 14 de setembro, no local da CIG de Burela, ás 18:00 horas.

A primeira consecuencia destas medidas vai a ser unha redución moi importante de profesorado nos centros que se cifran en arredor 1.000 profesores menos. Pero ademais con este incremento de horario e a imposición de vixilancia do alumnado transportado tamén se verá afectada a realización de dinamizacións e outras tarefas docentes que ata agora se viñan realizando por parte do profesorado de Primaria como das TICs, da biblioteca, da convivencia escolar ou de programas internacionais. Todas estas actividades deixarán de realizarse ao aumentar o horario lectivo.

Outra das consecuencias será que máis profesorado se verá obrigado a impartir materias das que non é especialista (as chamadas afins) coa conseguinte repercusión na aprendizaxe do alumnado. Cómpre considerar que o incremento do horario lectivo e das funcións vén sumarse a todos os labores burocráticos que se lle foron asignando aos profesores ao longo destes anos agravado –en infantil e primaria- pola falta de administrativos nos centros.

Tamén na reunión se analizarán as medidas a tomar para parar esta nova agresión ao ensino público que se concretan entre outras nas folgas do día 21 e 27 deste mes, convocadas por todos os sindicatos.

Exit mobile version