Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación fará unha campaña para incentivar o turismo entre xaneiro e marzo e atraer máis de 10 mil visitantes

Nota de prensa f

A ÁREA DE TURISMO PULARÁ PARA ATRAER MÁIS DE 10.000 VISITANTES A LUGO
DESESTACIONALIZANDO O TURISMO

Mario Outeiro afirmou que se porá en marcha “unha campaña de desestacionalización do turismo lucense entre xaneiro e marzo para atraer máis de 10.000 visitantes”

Levaranse a cabo outras medidas como mellora da web, control, incidencia e promoción nas Redes Sociais de incidencia no turismo (Booking.com, tripadvisor, minube, google places, picasa, youtube ou flickr) e tamén axudas en concorrencia competitiva para mellora de destinos turísticos

Mario Outeiro afirmou que “é obxectivo manter en 2012 a contía económica destinada a apoiar o sector turístico lucense”

LUGO, 28 de setembro de 2011. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, afirmou esta mañá que se vai poñer en marcha “unha campaña de desestacionalización do turismo lucense entre xaneiro e marzo para atraer máis de 10.000 visitantes á nosa provincia”. Estas declaracións efectuounas o responsábel de Turismo da Deputación no transcurso dunha xuntanza cos principais axentes turísticos da provincia de Lugo, na que tamén participou o vicepresidente da Deputación, o tamén nacionalista Antonio Veiga. A xuntanza tivo unha dobre finalidade: dunha banda escoitar as propostas e suxestións que os axentes turísticos lucenses formulan de cara a mellorar os datos de ocupación hoteleira e volume de negocio do sector turístico no conxunto da provincia, así como explicar as principais liñas de actuación que desde a Área de Cultura e Turismo da Deputación.

Segundo afirmou Mario Outeiro “somos conscientes da baixada na ocupación hostaleira e do gasto turístico na provincia sobre todo en determinados momentos do ano. Dende a Área de Turismo da Deputación propoñemos realizar unha campaña de desestacionalización na ocupación turística (de xaneiro a marzo) en colaboración coas asociacións de hostaleiros implicados, para traer a Lugo máis de 10.000 visitantes nestas datas. As asociacións implicaríanse na busca de establecementos turísticos interesados en participar no proxecto reducindo os custes de estadía dos potenciais turistas. Por outra banda, a Área de Turismo, mediante convenio, comprométese a achegar unha pequena partida económica para complementar aos estabelecementos esa baixada de prezos e a promocionar, e achegar a oferta turística complementaria onde for mester, os paquetes turísticos a través da nova páxina web e de campañas de promoción específicas”.

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo explicou unha serie de medidas que o departamento de Turismo da Deputación vai a aplicar en 2012 de cara a lograr unha dinamización turística da provincia poñendo en valor o conxunto de recursos que desde o punto etnográfico, cultural, paisaxístico, natural, etc., esta posúe: en primeiro lugar, implicaría unha mellora da páxina web coa finalidade de levar a cabo unha introdución paulatina dos Sistemas de Información Xeográfica, unha priorización de imaxes, vídeos e produto turístico xerado polo sector, introducir un directorio empresarial das iniciativas relacionadas co turismo en Lugo, e mellorar no control, incidencia e promoción nas Redes Sociais de incidencia no turismo (Booking.com, Tripadvisor, Minube, Google places, picasa, youtube ou flickr, etc.).

Ademais, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo anunciou que se estabelecerá unha liña de axudas en concorrencia competitiva para a mellora e posta en valor de destinos turísticos. “Con esta modalidade de axudas, os obxectivos que se perseguen serían a restauración e conservación do patrimonio etnográfico seguindo o exemplo de posta en valor deste tipo de patrimonio en Asturias ou Cantabria”.

Mario Outeiro tamén quixo explicar aos axentes turísticos que a Deputación de Lugo considera o turismo como un dos motores económicos da provincia e, malia non ter competencias directas en materia turística (tenas a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galiza), creou hai catro anos a Área de Turismo dentro do seu organigrama. Neste sentido, Mario Outeiro afirmou que “pese ao descenso previsto no orzamento xeral da Deputación de Lugo en 2012, é obxectivo da Área de Cultura e Turismo manter, e na medida do posíbel aumentar, a contía económica destinada a turismo para apoiar un sector económico de moito peso para Lugo”.

Exit mobile version