Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación comeza a nova etapa do programa KmO con 350 persoas a primeira semana

Nota de prensa

Besteiro pon en marcha a 4º tempada de Km0.Deputación de Lugo, o programa que mantén 3.000 empregos na provincia

– O Presidente recibe ós primeiros participantes na nova edición desta iniciativa incluída en Lug02, un dos tres proxectos co-financiados nun 70% pola Unión Europea que permitirá consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica da provincia

– 350 persoas redescubrirán a provincia esta semana co Km0, engadíndose ás 27.000 que xa o fixeron dende a súa posta en marcha hai 3 anos

– A institución organiza esta semana rutas especiais pola Mariña, Ribeira Sacra e a Montaña para os participantes chegados de todo o mundo na sexta edición do Congreso do Xamón

O Presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, deu este martes o pistolezo de saída á 4º edición do programa medioambiental Km0.Deputación de Lugo, incluído en Lug02, un dos tres proxectos do organismo provincial que contou co respaldo da Unión Europea dentro da última convocatoria de fondos, e que permitirá consolidar o medio ambiente como a oportunidade económica de Lugo a través de novas iniciativas que se engaden ás xa desenvolvidas. Gómez Besteiro, acompañado do Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, e da Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Lugo, Carmen Basadre, recibiu no Pazo de San Marcos ós primeiros participantes na nova tempada desta iniciativa que mantén máis de 3.000 postos de traballo directos e indirectos na provincia. Son os integrantes das asociacións “Os Valuros” de Catro de Rei que farán a ruta das Catedrais e “As Regas” da capital lucense que viaxarán ás Pallozas do Cebreiro.

Xunto a eles, outras 350 persoas participarán durante esta semana en Km0, engadíndose ás 27.000 persoas que xa o fixeron durante os últimos 3 anos e contribuíndo a permanencia de centos de negocios lucenses vinculados ós sectores da hostalería, comercio ou artesanía. Son os establecementos dos proveedores da iniciativa da Deputación: empresarios, comerciantes, artesáns, traballadores de empresas de lecer ou aventura, entre outros.

Deste xeito, o mércores, representantes do clube cultural “Valle Inclán” farán a ruta Taboada Histórica mentres que ducias de participantes no VI Congreso Mundial do Xamón viaxarán á Mariña para visitar a catedral de Mondoñedo, coñecer o traballo dun zoqueiro, así como as instalacións da fábrica de Sargadelos, a praia das Catedrais ou o centro de Ribadeo, ademais de facer unha travesía en barco pola ría ribadense.

Rutas especiais con motivo do Congreso

É e que a Deputación aproveita a visita a Lugo de centos de persoas chegadas de todo o mundo con motivo da celebración da sexta edición de dito evento gastronómico para, unha vez máis, impulsar ó exterior a riqueza da provincia mediante rutas especiais de Km0 na Mariña, na Montaña luguesa e na Ribeira Sacra.

Por iso, o xoves, ademais do colectivo de veciños do campo en Roupar (Xermade) que fará a ruta Illa Pancha, medio cento de congresistas redescubrirán, nesta ocasión, a Montaña lucense. Acudirán ó Piornedo, á ponte e ó castelo de Altamira, en Navia de Suarna, onde tamén coñecerán a riqueza dos produtos da zona. De camiño, visitarán o Mosteiro de Samos, o Camiño Francés ou a igrexa Santa María A Real.

Co fin de poñer en valor a totalidade da provincia, a institución estende Km0 ó vernes, data na que os participantes do Congreso Mundial do Xamón redescubrirán a Ribeira Sacra, visitando o Mosteiro San Vicente do Pino, o Mirador do Duque ou as adegas de viño na zona de Sober.

Inscríbete

Na súa 4º tempada Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Estas son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas Comarcas lucenses; Km0 Xtreme que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte (viaxe sen helicóptero, globo, rutas a cabo, bicicleta de montaña, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf, windsurf…); e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os da Costa e do Inverno.

Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de Nova Caixa Galicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.

Exit mobile version