Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación apoiará a asociacións culturais e deportivas da Mariña malia as reducións orzamentarias

Nota de prensa:
ANTONIO VEIGA COMPROMETE O MESMO APOIO AOS COLECTIVOS CULTURAIS E DEPORTIVOS DA MARIÑA MALIA AS REDUCIÓNS ORZAMENTARIAS

“En materia cultural e deportiva, ningunha administración apoia tanto ás asociacións e clubs da Mariña como a Deputación de Lugo” afirmou Veiga

Na xuntanza mantida no Museo do Mar de San Cibrao, o vicepresidente mailo delegado de Cultura compartiron cos representantes das entidades as propostas que se pretenden poñer en marcha para o vindeiro exercicio, e escoitaron as súas preocupacións e suxestións

SAN CIBRAO, CERVO, 14 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, mantiveron hoxe no Museo do Mar unha xuntanza con asociacións culturais e deportivas da Mariña de Lugo. Esta xuntanza enmárcase dentro dunha xeira de reunións que desde a Vicepresidencia 1ª da Deputación se están a levar a cabo nas comarcas lucenses cun dobre obxectivo: por unha banda, compartir cos representantes destes colectivos as propostas de traballo e as liñas de actuación que se pretende poñer en marcha para o vindeiro exercicio desde as áreas de Cultura e Deporte da Deputación. Por outra, as asociacións culturais e deportivas trasladaron ao vicepresidente e ao delegado de Cultura e Turismo as súas propostas e preocupacións, a fin de dar ás mesmas solución e resposta.

No pasado exercicio, destináranse desde estas áreas un total de 750.000 euros a actividades deportivas, e 465.000 euros a actividades culturais. Para elaborar os orzamentos de 2012 das áreas dependentes da Vicepresidencia Primeira da Deputación teranse en conta as necesidades e suxestións que formule o tecido asociativo de toda a provincia e, deste xeito, darase prioridade aos asuntos que eles mesmos manifesten como prioritarios. Ao longo deste mes, manteranse máis de 40 xuntanzas con todo o tecido asociativo da provincia.

Antonio Veiga explicou que “é a nosa vontade elaborar uns orzamentos que respondan ao que se dan en chamar como orzamentos participativos, polo que o proceso de elaboración dos orzamentos destas áreas vanse facer en contacto permanente cos colectivos sociais, coa sociedade organizada, cos concellos, organismos que deberán asumir as competencias da deputación e as que as deputacións lle corresponde apoiar, centrándose no diálogo co conxunto das asociacións culturais, deportivas, de discapacitados, xuvenís, de mulleres, feministas, ONGS, e colectivos vinculados á comunidade educativa”. “En materia cultural e deportiva, ningunha administración apoia tanto ás asociacións e clubs da Mariña como a Deputación de Lugo” afirmou Veiga.

As reunións comezaron o luns pasado en Lugo, hoxe celebrouse aquí no Museo do Mar e mañá terá lugar en Monforte de Lemos coa participación do conxunto do movemento asociativo da zona sur de Lugo. Antonio Veiga afirmou que “sempre entendemos que a acción de goberno é diálogo entre administrador e administrado, que a democracia é moito máis que o exercicio do voto de catro en catro anos, e por iso pensamos, queremos e imos darlle voz determinante a sociedade na elaboración dos orzamentos”. Veiga foi contundente ao afirmar que “nós non lle temos medo a que a sociedade fale, senón que queremos que o faga e deste xeito se comprometa coa xestión do público, e isto require por parte da Admistración a creación de canles de participación como por exemplo estas xuntanzas”. O rico e potente tecido asociativo das Comarcas de Lugo, como se comproba no caso da Mariña lucense, é un patrimonio dun valor incalculábel que debe ser aproveitado para unha xestión eficiente desde a esfera do público, e que o público debe potenciar e promover.

Exit mobile version