Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación remata a Ponte de Arante superando o bloqueo da Xunta a estas obras durante un ano

Nota de Prensa

A Deputación culmina a Ponte de Arante, superando o bloqueo da Xunta a estas obras durante 1 ano

– Martínez e Val supervisaron a nova infraestrutura logo de que a institución rematase os traballos executados nos 6 meses que marcaba o proxecto e nos que investiu 215.700 euros

– É a única actuación do Plan de Choque concluído en 40 días que quedaba pendente porque o Goberno galego tardou meses en conceder o permiso para iniciar as obras e esixiu continúas modificacións no proxecto por tratarse dunha Ponte situada a carón do Camiño

Os Deputados provinciais, Manuel Martínez e José Ramón Val Alonso, supervisaron este martes o estado da nova Ponte de Arante logo de que a institución provincial culminase as súas obras, superando deste xeito o bloqueo que a Xunta impuxo a estas actuacións durante máis de 1 ano. A infraestrutura ribadense derrubouse en xuño de 2010 a consecuencia das intensas choivas rexistradas naquela época, e que obrigaron ó organismo provincial a poñer en marcha un Plan de Choque de 1,2 millóns de euros para reparar tanto os danos ocasionados na rede viaria provincial como nas estradas municipais. Deste xeito, a Deputación converteuse na primeira administración en actuar para reparar os desperfectos ocasionados, aforrando 300.000 euros ós Concellos mariñanos afectados.

A Deputación executou en 40 días a totalidade deste plan, quedando pendente exclusivamente o arranxo desta infraestrutura, que non puido rematarse antes debido á espera durante meses do permiso da Xunta imprescindible para iniciar estes traballos e ás continuas modificacións que Patrimonio obrigou a realizar no proxecto por tratarse dunha infraestrutura situada a carón do Camiño.

Precisamente, o documento inicial que elaborou a institución provincial, inmediatamente despois das riadas, contaba cun orzamento de 156.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. Os cambios que esixiu o Goberno galego incrementaron este presuposto en 60.000 euros máis e o período en 2 meses. Finalmente, a Deputación adicou en solitario 215.700 euros á nova Ponte que construíu en 6 meses tal e como marcaba o proxecto.

A Deputación priorizou en todo momento a seguridade dos usuarios, executando unha infraestrutura 100% mellor co fin de evitar novos derrubamentos ante posibles riadas. Deste xeito, coas melloras realizadas agora a Ponte, que mide 16,37 metros, aumentouse o seu ancho ata os 9 metros distribuídos nunha estrada de 6 metros e en 2 beirarrúas de 1,5 metros. Así mesmo, colocáronse estribos de formigón revestidos con granito, e a zona do caudal quedou protexida cunha escolleira.

Sucesión dos feitos

Os continuos contactos da institución provincial co Executivo galego iniciáronse en xullo de 2010 cando, pouco despois da borrasca, a Deputación enviou a Patrimonio o proxecto para construír a nova Ponte de Arante. No mes de agosto, unha vez que a institución provincial xa rematara as restantes actuacións do Plan de Choque, o Goberno galego respostou denegando a demolición da infraestrutura e concedendo un prazo de 1 mes para que o organismo provincial “xustificase” o proxecto entregado. En menos dunha semana, o organismo provincial enviou a documentación requirida.

Non foi ata finais de outubro (2010) cando o Goberno galego aceptou reunirse cos técnicos provinciais. Neste encontro, o departamento autonómico de Augas de Galicia deu a razón á Deputación, ratificando que era precisa a construción dunha nova ponte. Nembargantes, Patrimonio, tamén da Xunta, colisionou co outro departamento autonómico.

O consenso entre ambos os dous departamentos da Xunta non tivo lugar ata o mes de decembro de 2010. Aguas de Galicia e Patrimonio ratificaron a proposta da Deputación e, para que o proxecto fose aprobado antes de final de ano -tal e como prometeu facer o Goberno galego-, a Deputación fixo novas modificacións, entregando toda a documentación a 15 de decembro de 2010. Nembargantes, e sen ningunha explicación, a Comisión de Patrimonio do 31 de decembro do mesmo ano non levou entre os asuntos da orde do día a Ponte de Arante. Isto provocou que na Xunta de Goberno provincial do 7 de xaneiro de 2011, a primeira deste ano, a contratación de ditas obras tivese que quedar enriba da mesa ó non ter o permiso prometido polo Goberno galego.

A Deputación reaccionou inmediatamente, entregando aínda máis documentación técnica para que, finalmente, Patrimonio accedera á aprobación do proxecto e á concesión do permiso o 26 de xaneiro, case un mes despois do prometido. Só dous días despois, a Xunta de Goberno da Deputación acordaba a contratación destas obras. Logo de transcorrer os prazos legais establecidos, a Deputación comezaba en marzo a executar estas actuacións que rematou en tempo e forma, nos 6 meses definidos no proxecto.

Exit mobile version