Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación sancionou ao concello de Cervo pola “incompetencia e á falta de respecto institucional do alcalde”

Nota de prensa

Martínez aclara que a sanción ó Concello de Cervo débese “á incompetencia e á falta de respeto institucional do Alcalde”

– O Deputado subliñou que o Concello situou varios puntos de luz nun vial provincial “de xeito irresponsable, poñendo en perigo ós veciños” e malia contar cun permiso no que figuraba a obrigación dun espazo entre os mesmos e a estrada para garantir a seguridade

– Logo de alertar desta situación ó Alcalde e manifestarlle a súa obriga de trasladar os postes a outra zona en varias ocasións, a Deputación abriu un expediente sancionador, así como dous períodos de alegacións para que o Concello rectificase

– Martínez salienta que “démoslle todas as facilidades. Quen é o que busca enfrontamento entre institucións? O Alcalde agóchase, elude responsabilidades e minte. A empresa adxudicataria, tal e como nos comunicou, situou os postes onde el lle dixo”

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, aclarou este luns que o expedente sancionador interposto pola institución ó Concello de Cervo resposta “á incompetencia e á falla de respeto institucional do Alcalde”. Manuel Martínez explicou que o Rexedor se puxo en contacto coa institución, solicitando o permiso necesario para situar nunha estrada de titularidade provincial varios puntos de luz co fin de levar a cabo as obras de saneamento da Senra. A Deputación concedeu esta licenza de xeito inmediato, ós poucos días de ser formulada, tal e como quedou patente na documentación que dipoñen ambas as dúas administracións. Non obstante, neste permiso figuraba a obriga de que cada poste debía estar afincado a unha determinada distancia da estrada, garantindo así a seguridade dos viandantes ó contar co espazo necesario no caso de producirse unha saída de carril. O Deputado salientou que “o Alcalde fixo caso omiso a este punto, situando os puntos de luz de xeito irresponsable e poñendo en perigo ós veciños”.

Facilidades e responsabilidades

Ante esta situación, os técnicos provinciais trasladáronse ata en 3 ocasións ó municipio, alertando deste perigo ó Concello e manifestando a súa obriga de trasladalos a outro lugar. Ademais, tamén se puxeron en contacto coa contratista. Logo de varios meses sen resposta (o primeiro aviso foi en novembro), a Deputación abriu en xaneiro un expedente sancionador, dando conta delo ó Rexedor. Posteriormente, abriu ata en 2 ocasións un período de alegacións, co fin de que a entidade local rectificase e se anulase este proceso. “Démoslle todas as facilidades para poñer fin a esta situación. Quen é o que busca enfrontamento entre institucións ou sufre persecución política?”, sentenciou.

O Deputado subliñou ademais, que “o Alcalde agóchase agora e elude as súas responsabilidades, feito que non nos sorprende vindo de onde vén, dun partido como o PP que sempre bota balóns fóra, non asume as súas competencias e culpa ós demais de todo o que acontece ó seu redor. Minte. Non é certo que a sanción se deba a un suceso alleo a el. Primeiro porque foi o Concello quen pediu este permiso e quen sabía da condición indispensable. Ademais, a empresa adxudicataria das obras de saneamento da Senra, tal e como nos comunicou, situou os postes onde o Alcalde lle dixo como máximo responsable destas actuacións”.

Exit mobile version