Site icon Crónica3.com A Mariña

A revista Cerna publicada por Adega recolle temas sobre Barreiros, salmóns, eólicos e lousa

Barreiros, salmóns, eólicos e lousa no número 65 de CERNA

O número 65 de CERNA, a revista galega de ecoloxía e ambiente, ofrece unha ampla diversidade de temáticas concernentes á actualidade ambiental de Galiza. Descarrega o CERNA_65 (4.75 Mb). Tras as páxinas de actualidade, cos novos planos da Xunta para a Rede Natura, a acuicultura, os montes ou a caza, atoparemos un amplo abano de artigos con apostas concretas de cambio en diversas áreas de xestión ambiental. Entre eles, dous interesantes textos sobre a enerxía eólica: dunha banda, sobre o reparto histórico de megavatios no país e doutra, sobre como enfrontarse á nova enxurrada de proxectos eólicos que se nos veñen enriba. Proxectos de conservación nos ríos, o escándalo de Barreiros, a polémica do salmón ou un estudo sobre a lousa, conforman o resto dos temas.


Os ríos tamén ocupan un lugar especial en CERNA 65 e, nomeadamente, algúns dos proxectos de conservación que as administracións autonómica e estatal están a desenvolver nas bacías do Ulla e do Tamuxe, respectivamente. O primeiro aborda a conservación de especies como a toupa de río e o mexillón de río, ao cal se lle dedica ademais un artigo específico de catro páxinas da autoría da investigadora Sabela Lois Lugilde.
Na área de ordenación territorial inclúense as crónicas dos actos promovidos por ADEGA dentro da Campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” ou da xornada de montes que reuniu en Melide ás comunidade de montes veciñais para falar do seu futuro baseado na sostibilidade. Neste apartado, facemos unha referencia especial ao artigo do Secretario Xeral de ADEGA, Froilán Pallín, quen avalía as consecuencias do desbloqueo do urbanismo de Barreiros para outros concellos galegos que están baixo a sospeita da prevaricación.
O protagonista da entrevista deste número é Alberto de Coo, un dos biólogos mariños que estudou o impacto ambiental das gaiolas de cultivo de salmón na ría de Muros e Noia. E outro investigador, Felipe Gutiérrez, preséntanos os contidos do primeiro estudo científico sobre o sector mineiro da lousa en Galiza. Artigos sobre as especies bioindicadoras, o gando caprino e equino como xestores da biomasa do monte, o fungo dos piñeiros ou o consumo de roupa completan esta edición.
Exit mobile version