Site icon Crónica3.com A Mariña

A vicepresidencia primeira da Deputación achega 120.000 euros para a recuperar o entorno do Celeiriño

Nota de prensa

PRESENTOUSE O PROXECTO DE RECUPERACIÓN E MELLORA DO ENTORNO DO CELEIRIÑO, PARA O QUE A VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA ACHEGA 120.000 EUROS

Antonio Veiga e Bernardo Fraga explicaron esta tarde as melloras que se van acometer no barrio viveirense no que constitúe a primeira e decisiva actuación que se leva a cabo no mesmo

VIVEIRO, 2 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, mailo  tenente de alcalde do concello de Viveiro, Bernardo Fraga, presentaron esta tarde o proxecto de recuperación e mellora do entorno histórico do Celeiriño, para o que a Vicepresidencia Primeira da Deputación achega 120.000 euros, nunha reunión cos veciños e veciñas de Viveiro. O barrio do Celeiriño, na actualidade, atópase nun estado de conservación deplorable debido ás circunstancias de asentamento do terreo, o que propiciou o derrubamento dunha parte das vivendas existentes e a interrupción dalgúns elementos dos servizos urbanos. Deste xeito, a intervención cuxo proxecto se presentou hoxe maniféstase necesaria dende hai tempo, e constitúe a primeira actuación que se realiza no entorno, contribuíndo de xeito decisivo á súa recuperación.

Bernardo Fraga presentou aos medios e aos veciños e veciñas o proxecto, que foi elaborado polos servizos técnicos do concello, e explicou que “hoxe rendemos contas do que foi unha das propostas centrais do noso programa nas pasadas eleccións municipais, no que figuraba esta mellora como unhas das primeiras actuacións”. Continuou comentando que “o noso obxectivo non é a confrontación senón a achega de solucións, e isto ponse de manifesto coa obra que se vai realizar”. Pola súa banda, Antonio Veiga manifestou a súa satisfacción porque se vaia levar a cabo esta rehabilitación, e comentou que “non era de recibo que despois do tempo transcorrido dende os derrubamentos, o barrio do Celeiriño se atopara aínda así”. Explicou que “esta é a primeira actuación que se leva a cabo, pequena pero decisiva, e noso obxectivo é darlle continuidade a este proceso de rehabilitación e mellora dun dos barrios máis emblemáticos de Viveiro e mesmo da Mariña”.

Exit mobile version