Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta elimina 120 liberados e negocia outra redución no ámbito da administración xeral

Nota de prensa:

A XUNTA LOGRARÁ UN AFORRO DE PRETO DE 4 MILLÓNS DE EUROS AO REDUCIR EN 120 EFECTIVOS O NÚMERO DE LIBERADOS SINDICAIS

Afecta os ámbitos educativo, sanitario e da xustiza e ampliarase con outra redución na Administración xeral da Xunta

O Consello da Xunta deu conta hoxe das medidas de axuste necesarias para reducir en 120 efectivos o número de liberados sindicais na Administración, o que permitirá acadar un aforro de ao redor de 4 millóns de euros, ao tempo que se mantén un respecto escrupuloso aos dereitos de representación sindical. De feito, a redución trasladada hoxe ao Consello é froito de meses de traballo e diálogo cos sindicatos, aos cales a Xunta agradece a súa disposición a colaborar, entendendo que na situación actual os esforzos contra a crise deben implicar a todos.

A redución ten plena seguridade xurídica, xa que se respecta o limirar mínimo de horas de representatividade sindical que está recoñecido pola lexislación básica do Estado. O axuste prodúcese despois da celebración das eleccións sindicais, de tal xeito que os cambios estruturais que as centrais terán que realizar tras os comicios coinciden coa posta en marcha deste plan de redución de liberados.

En total, o acordo supón a eliminación de 45 liberados no ámbito sanitario, de 64 no sector educativo e de 11 no ámbito da Administración de xustiza. Ademais, o Goberno galego mantén aberto o diálogo cos sindicatos para levar a cabo unha redución no ámbito da Administración xeral da Xunta, que agarda que tamén se faga efectivo nas vindeiras semanas.

Ademais de supoñer un aforro de preto de 4 millóns de euros en salarios do persoal que debía substituír os liberados, a redución tamén vai permitir incrementar a produtividade na Administración, xa que a volta ao traballo destas 120 persoas traducirase en 18.000 horas laborais cada mes nos xulgados, centros educativos e na rede sanitaria de Galicia. Unha cuestión que repercutirá na mellora dos servizos que se prestan aos cidadáns e permitirá fortalecer a política social.

A medida supón un novo avance na política de austeridade e redución de gasto público posta en marcha polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que foi pioneiro en levar a cabo necesarias iniciativas de disciplina orzamentaria e contención, que logo seguiron outras Comunidades Autónomas e o Goberno central, como foron a redución de altos cargos e de gabinetes, a racionalización do parque móbil, as baixadas do gasto corrente e a fixación dun teito de gasto para o vindeiro ano 2012.

Exit mobile version