Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de recuperación da ensenada da Vilavella, en Ribadeo, entran na súa recta final

Nota de prensa:
AS OBRAS DE RECUPERACIÓN DA ENSENADA DA VILAVELLA ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL. FERNANDO SUÁREZ ASEGURA QUE NO PRAZO DUN MES SERÁN ENTREGADAS AO CONCELLO E SUBLIÑA QUE ESTA RUTA SUPORÁ UN REVULSIVO MOI IMPORTANTE PARA O TURISMO.

Ribadeo, 19 de setembro de 2011. Entran na recta final as obras de recuperación medioambiental da ensenada da Vilavella, a senda peonil das Aceas e a rehabilitación dos muiños de marea, que está a realizar o Ministerio de Medio Ambiente. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que no prazo dun mes serán entregadas ao Concello e subliña que esta ruta suporá un revulsivo moi importante para o turismo que chega a Ribadeo.

Suárez Barcia sinalou que “estamos encarando a recta final do que vai ser esta obra tan bonita, tan atractiva e tan importante tanto desde o punto de vista etnográfico como turístico. Trátase dunha nova ruta que parte da praia dos Bloques, seguindo pola enseada Vilavella e a través dun sendeiro irá dar ata os muiños das Aceas”. O alcalde de Ribadeo lembrou que “hai tres anos expropiamos os terreos e os puxemos a disposición do Ministerio de Medio Ambiente, e agora están a rematar unhas obras que a un mes vista estarán entregadas ao Concello. Xa vemos que hai xente que está a pasear por esta ruta, aínda que está sen inaugurar, ademáis non deberían empregala para evitar calquera tipo de problema, pero está dando unha imaxen moi positiva e distinta do que moita xente ve desde a estrada N-642, que é a que vai ata A Veiga. Ata o momento só se observaba unha pantalla de eucaliptos e non se divisaba o que agora se poderá ir vendo”.

Fernando Suárez engadía que “estes días vánse instalar os mecanismos dos muiños de mareas para que se poida ver por parte de turistas e escolares cómo funcionaba un muiño de mareas, cómo funciona un muiño de regato. Estamos a pensar qué utilidade darlle á antiga fábrica de algas, que se chamaba así aínda que non fabricaban algas senón que lle sacaban os principios activos a esta flora mariña”. O rexedor considera que “esta actuación será un revulsivo desde o punto de vista turístico para Ribadeo, non puido estar operativa para este verán de 2011, pero para este nadal ou para a semana santa de 2012 estará a disposición de todos os turistas e visitantes deste concello de Ribadeo, que está a destacar polo seu atractivo para que veña máis e máis xente a disfrutar da nosa gastronomía, da nosa hostelería, etc”.

Exit mobile version