BARREIROS ESTRENOU ONTE O SEU MERCADO SEMANAL DOS DOMINGOS. ALFONSO FUENTE AGARDA QUE SE VAIA CONSOLIDANDO POUCO A POUCO PORQUE LLE DARÁ MOITA VIDA AO CONCELLO.
Barreiros, 19 de setembro de 2011. Barreiros estreaba o seu mercado semanal dos domingos na xornada de onte. O alcalde, Alfonso Fuente, agarda que se vaia consolidando pouco a poco porque lle dará moita vida ao concello.
O rexedor explicaba que “hai pouco tempo que se aprobou en pleno a celebración deste mercado semanal en domingo. Era interés do Concello sacar adiante este mercado en Barreiros, pero había que coordinalo e poñelo en marcha. Nesta ocasión a empresa Alimentación Divafruit, que é a que xestiona o supermercado Eroski City aquí, decidiu tamén colaborar e poñer en marcha este mercado e cedeu o seu aparcamento para que se celebre no entorno desta firma”.
Fuente Parga sinalaba que “cando foi aprobada a celebración deste mercado semanal se decía que no momento no que se puxera en marcha habería que establecer un reglamento e unhas taxas, pero neste caso como se celebra nunha parcela privada aí o Concello non pode poñer en marcha nin taxas nin regulamento, simplemente os vendedores ambulantes que alí se instalen teñen que cumprir coa lexislación vixente”.
O alcalde barreirense dixo que “este domingo arrancaba o primeiro mercado con cinco postos e con movimento de xente. Penso que este mercado posibilitará que a xente que traballa e que non pode achegarse a outras citas semanais que se celebran en Foz ou en Ribadeo, que o poidan facer os domingos pola mañá en Barreiros. Será de 10 da mañá a dúas da tarde e ocasionará que se xenere un movimento de persoas que favorecerá a toda a economía do concello. Agardamos que se vaia consolidando pouco a pouco, porque eso daralle moita vida a Barreiros”.