Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros mellora a rede de saneamento en varias parroquias e estradas de acceso ás vivendas sociais

Nota de prensa:
O CONCELLO MELLORA ESTES DÍAS A REDE DE SANEAMENTO EN VARIAS PARROQUIAS E TAMÉN ESTRADAS DE ACCESO ÁS VIVENDAS SOCIAIS. O IMPORTE TOTAL DOS TRABALLOS, SEGUNDO ALFONSO FUENTE, ASCENDE A 94.000 EUROS.

Barreiros, 8 de setembro de 2011. O Concello acomete estes días varias obras para levar adiante a ampliación da rede de saneamento e para mellorar o estado dalgunhas estradas. O importe dos traballos ascende a 94.000 euros, segundo daba a coñecer na mañá de hoxe o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga.

O rexedor explicou que “desde hai uns días en Barreiros se ven acometendo unha obra que é a da ampliación da rede de saneamento na zona da Picota na parroquia de Benquerencia. E posiblemente no día de mañá se inicie tamén unha ampliación da rede de saneamento no barrio de Casaldeite en San Miguel de Reinante”.

Fuente Parga sinalou que “ao mesmo tempo dentro duns días se iniciarán os traballos de asfaltado da estrada arredor das vivendas sociais de San Cosme así como da estrada de acceso ás novas vivendas sociais. Son deses traballos que se van realizando pouco a pouco, ampliando a rede de saneamento e mellorando os viais”. O Concello de Barreiros “está á espera de que o Ministerio de Medio Rural libere ese 70% que tiña retido do PEIM do ano anterior para que así a Consellería de Medio Rural poida ampliar ese plan para acometer melloras en camiños rurais, tal e como vimos facendo todos os anos”, manifestou o rexedor barreirense.

O custe das obras de ampliación do saneamento na Picota e Casaldeite ascende a 45.000 euros e os traballos de arranxo das estradas nas vellas e nas novas vivendas sociais suporán un custe de 49.000 euros.

Exit mobile version